DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A persoa gañadora da Competición en Bolsa consegue triplicar o investimento inicial

Como converter un millón de euros en tres nunha semana

34 participantes ampliaron os seus coñecementos prácticos sobre os mercados

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
DUVI 09/12/2020

Unha vez rematado o período da competición e avaliados os resultados, o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Jorge Vila Biglieri e o asesor financeiro Pablo Iglesias Hernández, organizadores da Competición en Bolsa 2020, amósanse satisfeitos coa participación e as consultas recibidas nesta primeira edición da iniciativa e conclúen que se acadaron todos os obxectivos propostos, que pasaban por “divulgar os coñecementos financeiros fomentando as prácticas con cartos virtuais para que cada un dos participantes descubrise se lle divirte o mercado financeiro e, o que é máis importante, se lle pode sacar proveito”. 

En total participaron 34 persoas, que puideron familiarizarse coa operativa a curto prazo sobre produtos financeiros e as plataformas dos brokers en liña. Despois de cinco días de competición, o usuario gañador (uvigo2038) conseguiu triplicar a cantidade inicial, convertendo 1 millón de dólares en 3 millóns, o que supón un rendemento de 297,97%. O segundo e o terceiro obtiveron un 83.78% e un 38.49% de rendemento, respectivamente. “A maioría das compras vendas durante a competición tiveron lugar en accións americanas”, puntualiza Vila, concretamente farmacéuticas (Moderna Ltd. como máis activo) e tecnolóxicas (BlackBerry Ltd. como máis rendible) e Forex. Con todo, e pesar das elevadas rendibilidades dos primeros clasificados, recalca o docente, "a maioría dos participantes conseguiron tímidos beneficios ou perdas, o cal  demostra que gañar cartos en bolsa non é tan fácil como pode parecer".

Os participantes, que non tiñan que contar necesariamente con coñecementos anteriores e máis da metade eran de fóra da comunidade universitaria, iniciaron as súas prácticas nesta plataforma de mediación financeira cunha carteira ficticia dun millón de euros coa que investiron en distintos produtos e mercados. Deste xeito puideron familiarizarse con este tipo de operacións, observar o seu perfil de risco e avaliar as perdas e beneficios dos seus investimentos. Estas prácticas axudaron tamén ao estudantado a distinguir os diferentes produtos, as estratexias e técnicas, os prazos e a relevancia da diversificación. Por todo isto, dende a organización agardan que se poida dar continuidade a este proxecto no futuro "para seguir co labor de divulgación financieira".

Os gañadores poderán realizar o curso de Advanced Trading

Con estes resultados pecha a primeira edición da Competición en Bolsa impulsada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade. A súa posta en marcha é unha continuación doutras iniciativas como o curso de Advanced Trading e veu determinada por un contexto no que o número e as dimensións dos mercados financeiros aumentan e seguirán aumentando en número (Forex, Bitcoin, etc.) e en tamaño, xa que cada ano se baten récords de negociación. 

De feito, os tres primeiros clasificados nesta competición obterán a financiación completa da seguinte edición do curso Advanced Trading, prevista para o vindeiro 21 de febreiro, así como unha conta de proba de Interactive Brokers con datos do mercado americano en tempo real, o que supón unha continuidade dos proxectos iniciados durante a competición, na súa maioría relacionados coas accións americanas.