DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alcalde de Pontevedra mantivo unha reunión co novo vicerreitor e a súa predecesora

Converxencia de Universidade e Concello ante o “gran reto” da especialización do campus

Fernández Lores ofreceu a colaboración da administración local no desenvolvemento do Campus Crea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 30/04/2014

O camiño cara a especialización do campus de Pontevedra que supón o proxecto do Campus Crea é o “gran reto” da Vicerreitoría do campus para os próximos anos. Así o explica o novo vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, que incide en que un dos puntos centrais deste proceso será avanzar na “adaptación da oferta académica ás necesidades da contorna”. Nese camiño, a Universidade contará coa colaboración do Concello de Pontevedra, como manifestou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para o que é fundamental unha Universidade “cunha relación cada vez máis intensa cos sectores produtivos e emprendedores da cidade”.

Trala toma de posesión onte martes de Corbacho como novo responsable do campus en substitución de Antonia Blanco, Fernández Lores mantivo este mércores unha xuntanza "protocolaria" co novo responsable da Vicerreitoría e coa súa predecesora, co obxecto de trasladarlle a Corbacho os seus parabéns polo seu nomeamento e agradecer a Blanco o labor desenvolvido nos últimos anos. Mais, esta reunión serviu tamén para abordar o que é “o gran reto ao que nos enfrontamos as universidades e os campus en particular, como é o da especialización”, apuntou o novo vicerreitor. A este respecto, Corbacho incidiu en que no contexto actual “é básico falar de sinerxías e continuar explotando o potencial que supón adaptar a oferta do campus a unha cidade e a súa contorna coa que se identifica plenamente”. Neste senso, Corbacho destacou o valor da “converxencia” entre ambas institucións nun proceso que permitirá que o campus se dote dunha “marca internacional de prestixio e se converta nun embaixador máis da cidade de Pontevedra”.

Co obxectivo de afondar máis neste proceso de especialización, Fernández Lores manifestou tamén a súa vontade de manter nas próximas semanas unha xuntanza co reitor, Salustiano Mato, na que agarda “coñecer un pouco máis en profundidade as previsións que teñen” para a implantación do proxecto do Campus Crea e trasladarlle que o Concello “se atopa á súa disposición para coordinar o proxecto coa actividade económica da propia cidade”.

Dar continuidade a unhas fluídas relacións
Na rolda de prensa que sucedeu a esta xuntanza, Corbacho expresou o seu agradecemento ao traballo desenvolvido por Blanco á fronte do campus pontevedrés e subliñou que o seu mandato estará centrado “nun labor evidentemente continuista co traballo que se vén facendo ata o de agora”. Neste senso, o novo vicerreitor avogou por manter as “fluídas relacións” entre a institución académica e a administración local, como tamén fixo o propio Fernández Lores.

“Moi pronto vanse ver os novos froitos destes anos de colaboración”, engadiu a ex-vicerreitora Antonia Blanco, que fixo énfase no apoio que a institución académica recibiu do Concello para a proxección da Universidade na cidade. “Era fundamental non perder a nosa identidade de campus e, á vez, saír ás rúas, proxectarnos na cidade. Tiñamos a necesidade de saír das aulas e Pontevedra púxonolo bastante fácil”, afirmou Blanco, que augurou para os próximos catro anos un “fortalecemento” da colaboración entre ambas institucións, da que “moi pronto se van ver os froitos”, anunciou.