DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á participación do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo

Convocada unha nova edición dos premios Sofía Novoa para traballos fin de grao e máster

Buscan fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos TFG e TFM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Académica
DUVI 10/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a oitava edición dos premios Sofía Novoa Ortiz dirixidos a fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de máster e fin de grao realizados polo alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo. Os alumnos e alumnas interesadas poderán presentar as  súas propostas desde mañá mércores ata o vindeiro luns 23, se ben se establece como data límite para a entrega de traballos por vía telemática o luns 30 de outubro.

Poderán presentarse a esta convocatoria os traballos de fin de grao ou máster realizados na Universidade de Vigo nos campus da provincia de Pontevedra, en calquera rama de coñecemento e presentados, defendidos e aprobados durante o curso 2022/2023. Ao igual que en pasadas edicións, haberá un máximo de tres galardóns por categoría -dous premios de 1.000 € e un accésit de 600 para traballos de fin de grao e outros dous premios de 1.000  € e un accésit de 600 para traballos de fin de máster- que repartirán un total de 5.200 euros. 

O alumnado interesado en participar na convocatoria deberá presentar as súas solicitudes a través da sede da Deputación ou no rexistro, se ben os traballos deberán entregarse por vía telemática para garantir o anonimato do mesmo. Serán avaliados por un xurado que analizará aspectos como a calidade dos traballos, a relevancia e rigor metodolóxico, a aplicabilidade práctica das súas achegas ou a novidade e orixinalidade do tema, entre outros criterios.

Traballos premiados no 2022

Na anterior edición dos premios, na categoría de traballos de fin de grao (TFG), o xurado decidiu premiar os proxectos O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil, da egresada de Ciencias da Educación e do Deporte Raquel Álvarez, e Visibilidade e representación da muller na divulgación científica: análise crítica da revista National Geographic en 2020, da exalumna de Filoloxía e Tradución Elena Moldes. Así mesmo, outorgou un accésit á titulada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Alba Fernández por Muller e prisión en España. Na modalidade de traballos de fin de máster (TFM), foron recoñecidos tres traballos defendidos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Concretamente, os premios foron para O álbum e a novela gráfica como recurso didáctico para unha educación en igualdade na ensinanza das artes plásticas en secundaria, de Nuria Bouzas, e Proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, de Rebeca López Villar; mentres que o accésit foi para Emma Juncal por Análise dos estereotipos de xénero no alumnado de Educación Infantil enmarcado nas ciencias experimentais.