DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras oito anos sen ofertalas as probas realizaranse despois do mes de febreiro

Convocadas 49 prazas de persoal laboral de administración e servizos na Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/11/2009

Tralo acordo acadado entre a Xerencia e todos os sindicatos dos comités de empresa de Pontevedra e Ourense a Universidade de Vigo convocará oposicións para 49 prazas de persoal laboral de administración e servizos. As probas, previstas para despois do mes de febreiro, terán lugar tras un período de máis de oito anos no que non se realizou unha oferta que agora, segundo a xerente da Universidade, Ana Fernández Pulpeiro, “permitirá normalizar os procesos para a selección dos traballadores que reunan os mellores requisitos para formar parte do persoal da Universidade, tendo en conta, ademais, aos que xa hai neste intre na institución”.
Oito son as categorías profesionais de persoal de administración e servizos nas que se dividen as 49 prazas a convocar: xestor/a de actividades culturais; técnico/a especialista en análise instrumental; técnico/a especialista en biblioteca; técnico/a especialista en laboratorio de física; técnico/a especialista en medios audiovisuais; técnico/a especialista de servizos xerais; técnico/a especialista de tecnoloxías da información e comunicacións e auxiliar técnico de servizos xerais. “Sacamos todas as prazas xuntas”, sinala Ana Fernández, “o que supón un esforzo para a organización tremendo xa que interveñen moitas persoas neste proceso coa finalidade de levalo a bo termo”. Un proceso que sumado ao de persoal funcionario suporá unha oferta de case 100 prazas para o persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo e que segundo a xerente “consolidará a estrutura organizativa e de xestión, apostando pola estabilidade e evitando a provisionalidade”.
O proceso introduce ademais novidades técnicas xa que as solicitudes realizaranse por primeira vez en soporte informático na web da Universidade de Vigo, unha vez se publiquen no DOG, o que se producirá neste mes de novembro. O proceso estará rematado antes do 30 de setembro.

Acordo unánime e normalización do proceso

Convocatorias, probas e baremos foron acordadas pola Xerencia e os representantes dos traballadores nun proceso que Ana Fernández Pulpeiro cualifica de “moi laborioso”, e do que asegura estar “moi satisfeita polo traballo de todos que foi moi rigoroso e que permitiu achegar valor ás propostas que había enriba da mesa”. Na resolución deste acordo que se produce tras máis de oito anos nos que a Universidade de Vigo non ofertou prazas, a xerente definiu o esforzo da parte sindical como “moi produtivo” e asegurou sentirse “moi satisfeita polo desenvolvemento dos traballos nun entorno normal de relacións laborais”.
Esta convocatoria supón no escenario de crise e perda de emprego actual, “unha achega ao entorno económico”, sinala Fernández Pulpeiro que tamén manifesta o seu compromiso para que os procesos “se realicen nos tempos ordinarios” de xeito que periodicamente se cubran as prazas vacantes que queden.