DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizados por investigadoras e investigadores deste campus

A convocatoria Inou destina 59.000 euros a proxectos que contribúan ao desenvolvemento de Ourense

Froito do convenio de colaboración anual entre a UVigo e a Deputación Provincial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 14/02/2024

A Universidade de Vigo ten aberta xa unha nova convocatoria, a correspondente a 2024, das axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou-Campus Auga. A iniciativa está destinada a apoiar a realización de estudos que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

As axudas teñen unha dotación máxima en total de 59.000 euros e son froito do convenio de colaboración que se asina anualmente a Universidade de Vigo coa Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. A subvención máxima para cada proxecto será de 5.900 euros e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 27 de febreiro ás 23.59 horas.

Fomentando a interacción entre grupos

A iniciativa “pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poidan poñer en marcha os seus proxectos”. Igualmente quere “impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento” e contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, polo que nelas terase en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Os proxectos, que serán avaliados por unha comisión, realizaranse de forma individual, cun ou varios investigadores ou investigadoras principais e un equipo acorde coas tarefas a realizar. Poderán incluír persoal investigador de ámbitos diferentes valorándose a multidisciplinariedade dos mesmos. As solicitudes con dous investigadores ou investigadoras principais será obrigatorio que pertenzan a ámbitos diferentes. Coa finalidade de potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros do campus de Ourense, tamén terá a consideración de ámbito diferente para a súa avaliación os proxectos liderados por persoal investigador de distintas áreas de coñecemento do mesmo ámbito, sempre que as súas tarefas investigadoras se desenvolvan en diferentes centros e se xustifique axeitadamente. Cada grupo de investigación só liderará unha solicitude.