DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha demanda reiterada na inaguración do II Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde

Cooperación multidisciplinar para garantir o benestar físico e psicolóxico do ser humano

O encontro dedícase ao estudo das condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas maiores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 22/09/2011

O acto inaugural do II Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde, que se celebra por primeira vez no campus de Pontevedra, serviu para amosar a estreita colaboración que manteñen as diferentes áreas de coñecemento das facultades da cidade na procura do progreso social. “Este congreso non soamente debe servir para ampliar coñecementos, senón que deben xurdir grupos de investigación multidisciplinares que busquen o benestar físico e psicolóxico do ser humano”, declarou Francisca Fariña, presidenta do comité organizador e decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nesta idea tamén afondou Manuel Gutiérrez, decano da Facultade de Fisioterapia quen traballou cóbado con cóbado coa súa homóloga de Ciencias da Educación, e sinalou que todos os temas relacionados coa saúde “débense tratar dende a cooperación, porque senón coxea a atención integral do paciente”.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, recalcou a importancia deste simposio “en canto a que buscou e atopou sinerxías entre os ámbitos de coñecemento de deporte e saúde do campus, o que resulta fundamental para impulsar a investigación a gran escala”. Quixo ir máis aló facendo fincapé na necesidade de transferir coñecemento á sociedade, “conseguindo que todos os avances que se dean nestes eventos superen o libro de actas e repercutan en na cidadanía pontevedresa”. O acto inaugural do congreso tamén contou coa presenza de Agustín Fernández, concelleiro de Educación, Deportes e Universidade do concello de Pontevedra, quen destacou a contribución do traballo das facultades do campus á cidade, “para que a enerxía deportiva flúa e se mova polas rúas os setes días da semana”. Fernández tamén aproveitou a ocasión para manifestar a súa intención de seguir estreitando lazos coa Universidade, “aproveitando todas as sinerxías das dúas institucións e multiplicando os efectos positivos”.

Atención aos maiores

Esta segunda edición do congreso dedícase ao estudo das condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas maiores, “un aspecto de gran interese para estes tempos nos que a esperanza de vida aumenta o que esixe de avances que melloren a calidade de vida nesas idades”, comentou o concelleiro. Para Francisca Fariña, este tema tamén resulta atractivo para os futuros profesionais, “xa que a poboación galega está envellecida e o que máis se demandarán serán servizos para a terceira idade”. O encontro está organizado pola Red Salud, Bienestar Físico y Psicológico formado por catro grupos de investigación das universidades galegas e liderado polo equipo de investigación PSU, dirixido pola propia Francisca Fariña. O evento conta ademais co apoio activo da Sociedad Universitaria de Investigación en Psicología y Salud, SUIPS, e co financiamento da Xunta de Galicia.

Chamar ao 112

O congreso, “no que participan os principais expertos en saúde e psicoloxía de universidades de Galicia, España, Portugal e de Iberoamérica”, botou a andar este mércores coa celebración de tres obradoiros “que completan a formación das ponencias cun enfoque moito máis práctico”, explicou o profesor Roberto Barcala, coordinador dos mesmos. Un dos seminarios estivo destinado a prever situacións de risco “e achegar consellos de como actuar no caso de que haxa algún accidente”, para o que se traballaron exercicios de comunicación, pois como indicou Barcala aos asistentes “o primeiro que hai que facer ante unha situación de emerxencia é chamar ao 112 e dunha forma calmada, identificarse, dicir onde se está, que está pasando e o número de vítimas”.

A conferencia inaugural do congreso correu a cargo de Jesús Bernardo García, membro do Comité Olímpico Español, quen afondou na importancia da nutrición e dos hábitos saudables para o benestar tanto físico como psicolóxico. A lonxevidade, a rehabilitación, a prevención do envellecemento, a depresión ou os beneficios psicolóxicos das universidades para maiores son os principais temas de debate durante o simposio. Tampouco faltarán as mesas de comunicacións, “con máis de 100 artigos dos que aprender”, aclarou Fariña.