DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA acolle coloquios coa cooperativa 'Cestola na cachola' e o creador chileno Rodrirgo Benítez

O cooperativismo e o traballo en rede como camiños vitais e profesionais

No centro tivo lugar tamén unha actuación do 'Proxecto Alien' de Vertixe Sonora

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 09/05/2017

Achegar ao alumnado que se atopa a piques de rematar os seus estudos a diferentes vías nas que desenvolver “o seu proxecto vital e persoal despois da carreira” é o propósito dos coloquios que integran En torno ao proxecto, unha actividade que toma o relevo das charlas preprofesionais que cada ano se viñan desenvolvendo no centro co propósito de amosar ao alumnado que “ademais de enviar currículos ou facerse autonómos, existen outras moitas vías intermedias, como o cooperativismo ou o desenvolvemento de proxectos culturais”, explica a decana, Silvia García. Con ese propósito, o centro acolle nesta xornada dous coloquios con Xoana Almar, da cooperativa Cestola na Cachola, e co artista e xestor cultural Rodrigo Benítez. Trátase, como apunta García, de dous relatorios propostos polo propio alumnado e dirixidos a que “poidan ver o seu proxecto profesional cun espírito máis amplo”. Así mesmo, a facultade acolleu tamén este mediodía o primeiro dos dous concertos que, no marco do Proxecto Alien de Vertixe Sonora, ofrece este martes no campus un ensemble integrado por alumnado do Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

Outra fórmula para o autoemprego

Integrante, xunto con Miguel Peralta e Raquel Doallo, dunha cooperativa que ten na pintura e na ilustración un dos seus eixos de traballo, Almar achegou ao alumnado de Belas Artes a experiencia de Cestola na Cachola, o “proxecto colectivo de autoemprego” que impulsaron en 2013. “As cooperativas son un modelo pouco fomentado”, salientou Almar, que presentou unha iniciativa na que son á vez cooperativistas e traballadoras, de tal xeito que obteñen un salario polo seu traballo. “Creamos a cooperativa para ter un traballo, pero o fin da empresa non é maximizar beneficios, polo que se os hai reinvístense no proxecto”, explica dun colectivo no que Almar e Peralta centran o seu traballo en campos como a pintura, a ilustración e a realización de murais e Doallo no eido da economía social.

“Agora mesmo, os murais son a fonte principal do noso traballo, de case que o 80%”, apunta Almar, que presentou neste coloquio unha serie de exemplos dos proxectos que desenvolveron tanto para institucións públicas como para empresas, como os realizados en diferentes municipios da Ribeira Sacra ou o que levaron a cabo no pombal da alameda situada fronte á facultade.

Redes, creación e territorio

Son os tres eixos do diálogo que, no segundo relatorio, busca establecer o artista chileno Rodrigo Benítez, quen achega a En torno ao proxecto as súas experiencias en diferentes iniciativas e intercambios que vinculan o artístico e o cultural co educativo e o comunitario. “A arte é unha ferramenta de transformación social”, salienta este artista, quen avoga por “saír un pouco da escena de na arte e pola arte, para vinculalo co territorio e as problemáticas sociais”. Con ese propósito, amosará algunha das iniciativas desenvolvidas no Centro Cultural Novo Valpo, de Valparaíso, onde “varios dos nosos traballos máis recentes teñen que ver co fomento da arte no ensino, que é algo que en Chile está moi débil, buscando tamén espazos non formais”. Así mesmo, Benítez Marengo tamén achegou ao coloquio as súas experiencias no ámbito da xestión de espazo culturais e como participante en diferentes iniciativas de intercambio cultural en países de América Latina, “nas que a arte é unha ferramenta máis dentro doutras moitas para un traballo máis orientado ao social”.

A música contemporánea tomou o patio

Belas Artes acolleu tamén este mediodía a primeira das dúas actuacións do Proxecto Alien de Vertixe Sonora nesta xornada. Centrado no fomento da música contemporánea no eido educativo, este proxecto é o resultado do labor formativo que os solistas de Vertixe Sonora desenvolven con novos e novas intérpretes. Neste caso, o resultado do traballo realizado polo seu saxofonista e director musical, Pablo Coello, co alumnado do conservatorio coruñés. Luis Herades ao saxofón e Carlota Salgado á frauta foron os protagonistas desta primeira actuación, na que interpretaron no patio do centro pezas de Jame Tenney, Kaija Saariaho e Per Bloland. Electric-Xperience foi o título deste “concerto pouco convencional”, como recoñece Coello, no que os instrumentos se combinan coa electrónica, e que buscada tamén dos “espazos habituais para concertos”, achegándose ao mesmo tempo “a un público receptivo a este tipo de propostas”.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, Proxecto Alien trasladase á Casa das Campás para ofrecer xa unha proposta “máis clásica, aínda que de música contemporánea”. Composicións de Christian Lauba, Christophe Havel, José Manuel López, Gérard Grisey, Sofía Gubaidulina e Germán Alonso integran o programa da actuación que protagonizan os saxofonistas Moisés Barreiro, Xurxo Fernández e Lucas Guzmán.