DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo de conferencias sobre "Novas perspectivas na docencia universitaria"

O coordinador de Innovación da ANECA demanda un cambio de mentalidade ante os procesos de avaliación docente

Eduardo García Jiménez impartiu o último relatorio do curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/07/2008

A avaliación da calidade docente é un dos puntos claves na adaptación das universidades españolas ao Espazo Europeo de Educación Superior. Para afondar neste eido, o ciclo de conferencias Novas perspectivas na docencia universitaria puxo fin ás súas actividades deste curso cun relatorio de Eduardo García sobre as ferramentas e técnicas de diagnose e os procesos que abrangue esta avaliación.
García é profesor titular da Universidade de Sevilla, ademais de “coordinador de Innovación da ANECA e pertence ao departamento de Métodos de investigación e diagnóstico en educación”, segundo explicou o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela. A través da súa experiencia persoal nos últimos 15 anos, o relator afondou na avaliación docente, nos contidos do programa Docentia e nas finalidades e consecuencias destes procesos, “que en realidade é o máis importante”, subliñou.

Cambio de mentalidade

Un dos grandes problemas que se lle presentan ás universidades españolas ante a avaliación da actividade docente é a necesidade un cambio de mentalidade. “A aplicación dos sistemas de acreditación empregados noutros países non valen para España, principalmente por diferenzas culturais” destacou García Jiménez, aínda que tamén apuntou aos diferentes modelos de universidades e distintos marcos normativos. “A avaliación é un feito en todas as universidades do mundo, pero a actividade docente é un dos ámbitos menos estudados fronte á investigación, aínda que en España hai variantes importantes como a porcentaxe de funcionarios e os procedementos de selección e promoción” que boa parte están determinados pola Administración Pública.
Á diferenza dos países nórdicos e anglosaxóns, non existe unha tradición de avaliación, polo que se fixo necesario o deseño dun modelo e uns procedementos, proceso no que se involucraron xunto coas as universidades, a ANECA e as axencias autonómicas. De esta posta en común naceu o programa Docentia, que actúa en catro ámbitos: a verificación dos títulos, a formación, mellora e innovación, a promoción do profesorado e o recoñecemento da actividade docente.
Neste proceso, a ANECA ocupouse da elaboración do modelo, pero foron as universidades as que tiveron que desenvolver os procedementos. Posteriormente, as axencias teñen que avalialos para que as institucións académicas os poñan en marcha e, finalmente, á ANECA correspóndelle a certificación dos resultados da avaliación.

A necesidade da avaliación

Nunha posta en común das vantaxes e inconvenientes dos procesos de avaliación, o profesor da Universidade de Sevilla destacou que “sen ela, a mellora da docencia é cega e facilita a diferenciación entre o bo traballo e o mediocre”. García Jiménez defende a teoría de que non é posible mellorar a calidade dun centro sen avaliar o seu profesorado, “algo para o que os compañeiros e directivos son os máis autorizados”, pero sen esquecer o papel dos estudantes.
A garantía da calidade inclúe dous ámbitos diferenciados pero estreitamente relacionados. Por unha banda, préstaselle atención á carreira docente a nivel individual, no que se refire ao acceso á universidade, á función pública e á promoción. Por outra, “é necesaria a verificación e acreditación dos planos de estudo, o que implica a acreditación de profesorado cualificado”, destacou. Con todo, Eduardo García Jiménez tamén salientou o papel importante das axencia, xa que “na posta en práctica das directrices do EEES, o peso é das universidades, pero estas deben someterse tamén a unha avaliación externa”.
No que se refire aos criterios tidos en conta na avaliación, o relator apuntou catro: a adecuación, a satisfacción, a eficiencia e a orientación á innovación docente. Para compilar toda esta información, apunta a necesidade de contar con varias procedementos e con varias fontes. “Por unha parte, o profesor debe emitir un autoinforme, pero tamén se debe ter en conta a información achegada polos responsables académicos e as enquisas realizadas entre os estudantes, que deben ser parte importantes deste proceso como o son da propia universidade”.
O ciclo de conferencias, organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, volverá no mes de setembro, o día 18, cun relatorio da profesora Amparo Fernández sobre a profesionalización da docencia e a resposta aos retos do proceso de converxencia europea.