DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do mestrado de Turismo achegouse a coñecer a oferta enolóxica desta zona

‘Entre copas’ polas adegas da Denominación de Orixe Ribeiro

O seu consello regulador e o campus traballan para abrir vías de colaboración

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/03/2013

Casal de Armán e San Roque son dúas adegas da Denominación de Orixe Ribeiro que comparten o feito de que, aínda que o seu negocio principal é a produción e a venta de viño, ofrecen tamén servizos de enoturismo, como catas e aloxamento. Para coñecer in situ esta puxante liña de traballo, o alumnado do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde visitou esta semana a zona da man do seu consello regulador. Cunha paisaxe espectacular e gozando de bo viño, os participantes viviron por un día e desde unha óptica profesional o seu particular “entre copas”.

“Hoxe en día está en auxe o turista enolóxico, aquel que escolle un destino polo viño e polas experiencias vinculadas con el. Calcúlase que xa representa un 10 ou 15% do total. A isto hai que engadir que tamén está a medrar o visitante enogastronómico, aquel que se decanta por un sitio debido á súa oferta culinaria, na que loxicamente o viño xoga un papel fundamental. Por este motivo, era moi importante achegar ao alumnado á oferta que neste eido temos na contorna, concretamente na zona do Ribeiro ”, destaca José Antonio Fraiz, director do mestrado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Formación de primeira man

Na súa visita, o alumnado e docentes participantes puideron coñecer dúas iniciativas diferentes de turismo enolóxico da man de Miguel Ángel Viso, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, e de Marta Fernández, responsable de promoción e comunicación da entidade. Concretamente visitaron Casal de Armán, que ofrece aos visitantes a posibilidade de aloxarse, comer e realizar actividades enolóxicas nel, e a Adega San Roque, que destaca no eido das catas. Tamén houbo tempo para, no chamado Túnel do Viño, achegarse a algunhas das máis de vinte marcas de Ribeiro que se comercializan baixo a denominación de orixe.

“O turista enolóxico é un turista esixente, que valora a cultura, o medio ambiente e a gastronomía e que ten un poder adquisitivo medio-alto. É un turista moi atractivo para o sector, sector para o que os nosos estudantes se están formando”, subliña José Antonio Fraiz. “Para o alumnado é moi interesante poder coñecer directamente estes servizos. Con estas visitas teñen unha aprendizaxe que non podería ser posible na aula e só coa participación do docente”, explica. Debido ao frutífero deste tipo de iniciativas e da colaboración en xeral da universidade co sector empresarial, o docente engade ademais que o seu centro e o consello regulador están a traballar na apertura de diferentes vías de colaboración.

O alumnado do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde participante nesta iniciativa será precisamente o primeiro que no campus de Ourense celebre o seu acto de fin de estudos. A segunda promoción deste mestrado celebrará a súa posgraduación o día 22 marzo, ás 20.00 h, na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.