DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a segunda das mostras do proxecto 'Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas'

A cor e os formatos da pintura de Mar Vicente expándense en Alterarte

A exposición está comisariada polo crítico de arte Xosé Manuel Lens

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/01/2011
Existe unha pintura que non está pechada nos límites do seu lenzo. É unha pintura que se expande fisicamente polo lugar no que se instala e que xoga cos espazos que a rodean, modificándoos a través da cor ou dos formatos. É a chamada pintura expansiva ou relacional, unha tendencia á que, desde este venres e ata o día 4 de marzo, se poderá achegar a comunidade universitaria da man da artista Mar Vicente e a súa exposición Formato na Sala Alterarte.

A mostra, comisariada polo crítico de arte Xosé Manuel Lens, é a segunda da serie Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas, unha iniciativa que traerá a Alterarte ata finais de 2012 as propostas de artistas emerxentes seleccionados por destacados comisarios e críticos de arte, tal e como explicou na inauguración este venres da exposición o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Buxán. Deste xeito e segundo salienta María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, Alterarte continúa coa súa filosofía de “que as novas xeracións artísticas teñan un lugar no que ser visibilizadas”.

A protagonista desta segunda mostra de Estado Crítico, Mar Vicente, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e destaca como unha das novas artistas galegas máis activa e de gran proxección. Xosé Manuel Lens explica que elixiu a esta creadora porque “quería ofrecer unha mirada actual do que hoxe é a pintura a través dos seus elementos básicos, como a cor, o formato ou a interacción co espazo, e Mar domina moi ben estes elementos”.

Interacción co espectador

O resultado é unha proposta expositiva enteiramente deseñada e producida para a sala Alterarte baixo o nome de Formato e que toma o seu nome, segundo explica a autora, “dunha serie de pequenas pezas de paredes presentes nesta exposición” coas que Mar Vicente investiga sobre a cor e os soportes a través da fusión entre escultura e pintura.

O outro elemento fundamental da exposición é unha gran tea de cores que colga do teito para pousarse no chan e que pretende afondar nos elementos esenciais da pintura, como son o lenzo e a cor. Xunto á pintura de paredes, esta tea e as pezas de Format conforman unha exposición cunha escenografía de espazos e cores intensas que intentan atrapar ao visitante cun discurso diferente sobre a pintura.

“Esta instalación é algo feito para esta sala e totalmente condicionada por ela. Pensei o seu espazo como un formato máis e tendo sempre presente que o meu obxectivo era que o espectador interactúe dentro da instalación”, salienta a artista. Para Xosé Manuel Lens, esta exposición “é unha homenaxe á pintura de parede”, homenaxe na que “a propia sala se converte nunha pintura e non só no espazo que alberga a pintura”.