DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debullaron os segredos do seu filme "The last patrol" no ciclo de conferencias de Cultukata

Cora Peña e Óscar Suárez achegan a produción independente ao alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 22/04/2010

Un achegamento á produción independente e de baixo presuposto, así como a un xeito de reinventar os xéneros cinematográficos foron as obxectivos da intervención de Cora Peña e Óscar Suárez no ciclo de conferencias de Cultukata’10. Mantiveron un encontro co alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación tras a proxección do seu filme The last patrol, do que son, respectivamente, directora e guionista. “O filme é á vez unha parodia e unha homenaxe ao cine bélico clásico americano, pero feito aquí, entre os fentos galegos”, explica Cora Peña. “É tamén unha parodia e unha homenaxe á ópera rock e aos musicais clásicos, dos que toma referencias e bandas sonoras, aínda que tamén collemos cancións dos Rollins Stones e dos Beatles”, engade Óscar Suárez.
O proxecto, xestado hai xa dez anos, acae a perfección na temática desta edición de Cultukata, a música no cinema e na publicidade. Como explicaron os dous autores, trátase dunha reinvención en clave de humor de dous xéneros cinematográficos clásicos, o bélico e o musical, caracterizada por estar rodada “nun inglés de aquí”, con construcións e acento galego, e subtitulada dun xeito peculiar. “Os diálogos inclúen frases tomadas doutros filmes e de cancións e os subtítulos van un pouco por libre”, comenta Suárez a respecto dalgo que se percibe no propio título, traducido como La colina de la muerte.
O equipo do proxecto estivo composto maioritariamente por persoas afeccionadas e autodidactas. Neste sentido, tanto Peña como Suárez destacaron o traballo que os actores desenvolveron pola súa conta. “Cada un deles tomou como referente algún actor emblemático, desde Humphrey Bogart, ata os Monty Python e Ernest Borgnine”, salientou Suárez. Lembraron así os bos momentos que pasaron durante a rodaxe, diversión que consideran se trasladou ao filme. Pola contra, a fase de posprodución foi máis dura e, segundo indicaron, prolongouse durante dous anos cun proceso de sonorización lento e longo, para o que contaron coa axuda de Javier Abreu.

Máis cine, música e a camiseta oficial

A programación do día complétase coa proxección esta tarde do filme Bailando en la oscuridad de Lars Von Trier e o concerto de Azúcar y Ron no pub Salvaje á medianoite.
O último apuntamento do blog de Sata Kata 2010 anuncia que xa están á venda a camiseta oficial desta edición. O deseño foi escollido como é habitual mediante un concurso convocado publicamente. Baseado no coñecido filme E.T., reza o seguinte lema: Santa Kata 2010. Mi birra, mi fiesta, mi caaasa.
Ademais deste, a organización puxo en marcha outros catro concursos. O primeiro deles alenta aos estudantes a ser humildes a amosar aqueles proxectos dos que non se senten orgullosos, para premiar o peor traballo da carreira. O segundo busca parecidos razonables, “a poder ser de profesores”, e o dous restantes teñen premio para a mellor fotografía e o mellor vídeo.