DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Longametraxes, curtas e unha serie integran o programa desta Máster Class Audiovisual Galego

‘O Corno’ e ‘Matria’ protagonizarán dúas das sesións de Augal 2023

As proxeccións na Facultade de Comunicación veranse complementadas por un coloquio cos cineastas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cine
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/11/2023

O Corno, o filme co que Jaione Camborda se alzaba recentemente coa Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián; e Matria, de Álvaro Gago, que suma 16 candidaturas aos Premios Goya, serán dúas das longametraxes protagonistas da XIII Máster Class Audiovisual Galego Augal, dirixida a achegar o alumnado á realidade do sector profesional. Promovida pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no programa desta máster class figuran tamén as longametraxes Cando toco un animal e Salta!, así como a serie Motel Walkirias e varias curtametraxes. Dirixida a complementar a formación do alumando e aberta ao público, as oito sesións de Augal, que se desenvolverán entre este martes 28 de novembro e marzo de 2024, combinan a proxección dos filmes cun coloquio coas persoas responsables da súa dirección ou produción.

O programa desta edición presentouse este luns na Casa das Campás, nun acto no que participaron a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; e o profesor Paulino Pérez, coordinador xunto con Miguel Anxo Fernández desta máster class. Como unha “cita obrigada no panorama cultural pontevedrés” presentou Torres unha actividade que “consideramos crucial para o desenvolvemento da formación dos nosos estudantes”, pero tamén para “reivindicar o audiovisual galego”. Nese senso, tanto Torres como Pérez puxeron de relevo o protagonismo que esta programación outorga a profesionais formados na facultade, como Gago ou Filgueira, así como ás mulleres cineastas, posto que “é crucial que as alumnas teñan referentes”, salientou a decana. 

Ao longo das súas diferentes edicións, por Augal pasaron preto dun centenar de profesionais, que presentaron máis de 80 obras, o que fai desta máster class “un fiel reflexo do que é o sector audiovisual galego na actualidade, que está vivindo o mellor momento da súa historia”, subliñou Sutil, que incidiu no valor destes encontros tanto para o estudantado como para os profesionais. Esta conexión foi tamén destacada por Torres, que definiu Augal como “unha excelente plataforma para integrar o noso alumnado no mercado laboral”, ao igual que como un proxecto que “encaixa perfectamente” co proxecto de especialización Campus Crea. 

Oito citas entre novembro e maio

A XIII Máster Class Audiovisual Galego arranca este martes 28 coa proxección de O Corpo Aberto, de Ángeles Huerta, presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón. Xa en decembro, o día 12 terá lugar o III Concurso A Canteira-Augal, no que se proxectarán unha serie de curtas nacidas como traballos académicos e que optarán ao premio ao mellor traballo do ano. Por último, o martes 19, tras protagonizar a clausura de Novos Cinemas poderá verse na facultade Cuando toco un animal, nunha sesión que contará coa participación tanto do seu director, Ángel Filgueira, como das súas produtoras, Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, tamén egresadas da facultade.

Xa en 2024, a programación retomarase o 7 de febreiro, cunha sesión dedicada ás curtametraxes, na que poderán verse Antes de que se poña o sol, A entrevista e Amanece la noche más larga, coa participación dos seus directores Nani Matos, Fernando Tato, Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares. O 21 dese mes chegará a quenda de O Corno, coa presenza da súa directora Jaione Camborda, mentres que o mércores 28 poderá verse Salta!, de Olga Ossorio. En marzo, o mércores 6 terá lugar unha sesión dedicada á serie de televisión Motel Walkirias, na que participará o seu director, Ghaleb Jaber Martínez; e o 13 de marzo Augal clausurará esta edición con Matria, a primeira longametraxe do egresado da facultade Álvaro Gago. 

Por outra banda, este programa formativo complétase neste 2023 cun obradoiro de guión, centrado na creación de microrrelatos, a cargo da produtora e exalumna da facultade Sara Varela. 

Abertas ao público, as proxeccións desenvolveranse inicialmente no plató de cine da facultade, mais, como explicaron Torres e Pérez, o centro traballa, co apoio da Vicerreitoría, na reforma dun dos seus espazos para convertelo “nunha sala de cine”, á que se trasladaría esta programación unha vez completadas as obras.