DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación que dirixe Marco Lucato está aberta á participación de toda a cidadanía

O Coro do Campus abre as súas portas a novas voces

Desenvolve os seus ensaios en CC da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/01/2019

Desde 2014, o campus de Pontevedra conta cun coro de seu, dirixido polo profesor Marco Lucato, unha formación que, despois de retomar os seus ensaios tralo parón de Nadal, busca incorporar novos e novas membros á formación. “É unha iniciativa aberta tanto á comunidade universitaria como a xente de fóra, teñan ou non coñecementos musicais”, salienta Lucato que incide nese senso en que as persoas interesadas en inscribirse e formar parte desta actividade, só teñen que acudir directamente a un dos ensaios” que a agrupación celebra cada luns de 18.00 a 20.00 horas e cada mércores entre as 17.00 a 19.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Ata finais de febreiro, engade Marco, a formación manterase aberta á incorporación de novos e novas integrantes, que se sumen ao grupo de 18 persoas que actualmente forman parte dun grupo que, como recoñece Lucato, “renóvase practicamente case cada ano, coa excepción de catro ou cinco persoas que permanecen desde o comezo”, e no que se reúnen estudantes desta facultade, alumnado sénior da Universidade e persoas alleas á institución académica.  

Aprendizaxe, convivencia e actuacións

Formar parte do coro do campus, lembra Lucato, constitúe en primeiro termo “unha actividade culturalmente interesante” porque permite iniciarse no manexo “dun instrumento”, a voz, "para o que non fai falla estudar para a facer música a un nivel bastante alto”. Mais ao mesmo tempo, o director desta agrupación tamén incide no positivo desta iniciativa á hora de “acostumarse ao traballo en grupo”, aspecto no que salienta a satisfacción que supón “o entusiasmo co que as persoas que forman parte do coro acoden a cada ensaio”.

Pero, máis aló desta compoñente educativa, o traballo do coro ten tamén entre os seus obxectivos preparar un repertorio para futuras actuacións. “Por agora estamos comezando, pero intentamos ter sempre un repertorio variado, no que se vaia cambiando de xénero e fagamos unha peza clásica, unha folclórica, outra jazz... para intentar na medida na en que se poida abarcar un repertorio bastante amplo para que así se entenda un pouco mellor o discurso do canto coral”. Repertorio que, explica Lucato, depende do tipo de voces e do nivel que vaia adquirindo o coro, que, ademais de participar cada curso en graduacións e outros actos académicos, “adoita facer sempre un concerto de Nadal ou de final de curso, xa que é importante que os alumnos presenten tamén o que aprenderon”.