DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a dirección de María Luisa Sánchez, directora da agrupación do IES A Xunqueira I

O coro do campus inicia unha nova etapa

Aberto á toda a cidadanía, a inscrición pode realizarse ata o 9 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/10/2023

Fundadora do coro do IES A Xunqueira I, co que conseguiu varios premios nacionais e internacionais, e profesora de música neste instituto, María Luisa Sánchez convértese este curso na nova directora do coro do campus de Pontevedra. Promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello, trátase dunha actividade gratuíta e aberta a toda a cidadanía, que mantén aberta a súa inscrición ata o 9 de novembro. Como recolle a convocatoria desta iniciativa, “co obxectivo de garantir un mínimo de calidade inicial”, o 14 de novembro, as 17.00 horas, terá lugar unha proba previa para os inscritos e inscritas, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“Vaise facer unha pequena selección, simplemente para garantir un nivel mínimo” que permita o normal desenvolvemento dos ensaios, explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que incide en que se trata dunha actividade “aberta a toda a cidadanía” e que a proba busca simplemente contar cunhas “condicións mínimas” de cara ao inicio dos ensaios. Inserida na aposta pola cultura, engade, como un dos piares do Campus Crea, o obxectivo que o coro se configure “como un punto de encontro interxeracional de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral”. Creado no ano 2014, esta formación estivo dirixida desde os seus inicios por Marco Lucato, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ata a súa xubilación, de quen agora toma o relevo Sánchez González, licenciada en musicoloxía pola Universidad de Oviedo e titulada profesional en piano polo Conservatorio de Xixón, que en 2005 fundou o Coro do IES A Xunqueira I. 

De cara a este novo curso, sinala Torres, o propósito desta agrupación é tratar novamente de conformar un repertorio “que se achegue tamén a novas tendencias musicais”, traballando con pezas de “diferentes épocas e estilos”, así como intentar que, ademais de participar nos diferentes actos da Universidade, a formación poida tamén “saír á rúa” e participar noutra serie de actuacións. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico vic.pon@uvigo.gal ata o 9 de novembro e despois da selección do 14 comunicaráselles a data de inicio dos ensaios, que terán lugar nas tardes dos martes en Ciencias da Educación e do Deporte.