DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo realizou unha actuación inesperada este xoves no Ponte Vella

O coro do campus sorprendeu cun 'flashmob' no centro comercial

O obxectivo da iniciativa foi dar a coñecer o seu traballo e atraer novas voces ao grupo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 24/05/2013

Eran as 20.30 horas e a xente estaba realizando compras polo Centro Comercial Ponte Vella de Ourense cando, de súpeto, un piano empezou a soar e algunha xente se comezou a chegar a el cantando a coñecida canción de What a wonderful world. Deste xeito, celebrouse este xoves un 'flashmob' organizado polo Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum. Con esta iniciativa os seus promotores queren dar a coñecer na cidade a existencia desta agrupación, espertar a curiosidade polo seu repertorio e sobre todo atraer novas voces á formación.

A actuación, que contou coa participación de boa parte dos membros do coro, forma parte dunha serie de iniciativas de difusión organizadas polo grupo e dá continuidade a unha anterior actuación deste tipo celebrada na Biblioteca Central do campus ourensán. Nesta ocasión, o escenario elixido foi o principal centro comercial da cidade de Ourense, co obxectivo de achegar o seu traballo á cidadanía en xeral. Durante a súa actuación, baixo a dirección de Xabier Álvarez, os compoñentes do coro interpretaron dúas pezas que foron seguidas cun sorriso e moita curiosidade polas persoas que nese momento paseaban polas tendas e se atoparon, sen espéralo, con esta actuación musical.

Ao remate, os membros do coro repartiron entre os curiosos información sobre o coro, sobre o seu repertorio e sobre o traballo que realizan. Buscando sempre a interxeracionalidade tanto na composición do grupo coma no seu repertorio, explican os responsables da agrupación, o seu desexo agora é incorporar máis xente nova ao equipo, especialmente voces masculinas, que son as que están en minoría. Para acadar este obxectivo, anuncian, o coro ten previsto celebrar proximamente unha terceira actuación por sorpresa na Praza Maior da cidade de Ourense.