DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O coro retoma os seus ensaios na E.U. de Enxeñaría Técnica Industrial

A inscrición está aberta a toda a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 02/10/2008

Dispor dunhas horas á semana, ter gañas de cantar e de pasalo ben son os requisitos iniciais para participar no coro, un grupo aberto a toda a comunidade universitaria e mesmo a calquera persoa interesada na música e no canto. Non se precisa experiencia previa nin coñecementos de solfexo, só un pouco de oído e afinación. Para tomar parte neste grupo só hai cubrir a ficha de inscrición que se atopa na páxina da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e entregala na súa Secretaría, situada no Edificio Miralles, ou remitila ao enderezo coro@uvigo.es.
Tras anos ensaiando no Conservatorio de Música do Castro, o coro traslada a súa sede ao salón de actos da E.U. de Enxeñaría Técnica Industrial para ocupar así instalacións propias da Universidade. O que non varía son os horarios de ensaio, que se manteñen os martes e xoves en horario de 20.00 a 21.30 horas.
Ademais de dous créditos por cuadrimestre, esta formación ofrece os seus membros relacións de amizade, ceas de grupo e incluso a función de terapia de relaxación. A isto engádese “a posibilidade de coñecer outras cidades, tanto españolas como europeas con motivo do certame de coros universitarios ao que asistimos anualmente”, segundo comenta Beatriz Freijido, axudante da coordinadora, que xa estivo en Sevilla, Alicante, Salamanca, Lisboa ou Braga.

Un amplo repertorio

Aberto a todo tipo de música, o repertorio do coro universitario é rico e variado, con máis de 150 obras que abranguen o Renacemento español, a música clásica e moderna e a canción latinoamericana, entre outras moitas. A directora do coro, Nuria Lorenzo, é a encargada de seleccionar as pezas que se interpretan, e faino “pensando en que lle guste a quen o ten que cantar”, polo que busca partituras alegres.