DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 5 de xuño celebra o I Encontro de Coros Universitarios Campus de Ourense

O Coro Universitario comeza a soar fóra das aulas

Será a posta de largo da agrupación ante o público xeral

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/05/2011
Desde o curso pasado, a maioría dos actos académicos do campus de Ourense contan cunha actuación musical especial, a do seu Coro Universitario Schola Cantorum. Especial por ser a nota lúdica en actos habitualmente formais pero tamén desde o punto de vista musical, pois no repertorio da agrupación danse cita os máis variados estilos, desde cancións de Elvis Presley ata pezas de tradición maorí. Despois de dous anos soando nas aulas universitarias, o coro prepárase para a súa posta de largo ante o público xeral. Será o vindeiro 5 de xuño no I Encontro de Coros Universitarios Campus de Ourense.

Xabier Álvarez, director do coro, salienta que a agrupación “naceu no curso académico 2009/2010 baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus e coa vocación de converterse nun punto de encontro interxeracional de toda a comunidade universitaria e, ao mesmo tempo, aberto a toda a sociedade ourensá”. Na actualidade está formado por 35 cantores entre os que hai membros do alumnado, profesorado e antigos alumnos que, unha vez á semana e de xeito desinteresados, se achegan a ensaiar á Aula de Música do Edificio de Ferro.

“Concibimos o Coro Universitario coma unha escola de convivencia, coma un ámbito para o desenvolvemento humanístico, artístico e musical dos seus compoñentes e coma un espazo no que se faga realidade o ideal de formación ao longo de todo o ciclo vital”, explica o seu responsable. Para rachar coa tradicional imaxe dun coro e tendo en conta o contexto universitario no que naceu, o seu repertorio inclúe música popular universal, desde a africana ata a italiana, música popular galega, música sacra e música pop de diferentes estilos, como pezas moi coñecidas de bandas sonoras.

Un repertorio con sorpresa

“Nos actos académicos, como unha graduación, cando de repente os asistentes escoitan un Can´t help falling in love, de Elvis Presley, a reacción é de sorpresa pero de sorpresa agradable, porque damos un punto de distensión e orixinalidade e rompemos a rixidez deste tipo de eventos”, salienta Álvarez. Despois de dous anos de traballo, a agrupación, explica o seu responsable, conta cun bo repertorio, voces traballadas e un equipo consolidado polo que afronta agora o momento de saír das aulas universitarias e estreitar lazos coa cidade de Ourense.

Con este obxectivo, o coro celebrará o vindeiro 5 de xuño I Encontro de Coros Universitarios Campus de Ourense. “Será a nosa posta de largo ante o público de Ourense, cunha actuación na que estaremos acompañados polo Coro da Universidade de Vigo e á que invitamos a asistir a todas as persoas interesadas”. Será ás 20.00 horas, na Igrexa de Santa María Nai, escollida por atoparse no corazón do casco vello de Ourense e pola súa boa acústica.