DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado ás 21.00 horas na Igrexa Santiago Apóstolo

O Coro Universitario despide temporada en Redondela cun concerto de música sacra

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 26/06/2009

O Coro Universitario despedirá este ano o curso cun concerto de música sacra na igrexa Santiago Apóstolo de Redondela. Farao por todo o alto interpretando a obra Gloria do compositor italiano Antonio Vivaldi, unha peza de elevada dificultade para un coro non profesional “e que poucas veces se pode escoitar en directo fóra dos circuítos dos grandes teatros” subliñou a directora do coro, a mezzosoprano Nuria Lorenzo.
A cita será este sábado 27 ás 21.00 horas. Os 35 membros do coro levan preparándose con esforzo e ilusión máis de catro meses, se ben dúas das integrantes, Silvia Calvo e Mª Cristina Solar, vivirán a actuación con especial entusiasmo, pois nelas vai recaer a responsabilidade de actuar como solistas acompañadas do piano.
Cunha duración aproximada de media hora, desde o coro animan a acudir a todos aqueles aos que lle gusten os clásicos, “será unha boa experiencia, pois Vivaldi gústalle a todo o mundo e, en directo, mellor”, salienta a directora do coro, quen engade que elixiu esta obra, “porque é unha composición que lles ven ben ao grupo pola súa tesitura e dificultade”. Tamén destaca a boa acústica do lugar que, se o engadimos ao feito de que se trata de música sacra, “converte o concerto nunha excelente oportunidade de achegarse a este tipo de espectáculo”.

1ª temporada dunha nova etapa no coro

Con este concerto o coro pon fin a un curso no que cumpriu a súa maioría de idade e no que comezou unha nova etapa coa dirección de Nuria Lorenzo. “As valoracións non son máis ca positivas, desde a miña parte e tamén dos integrantes, que todos teñen intención de repetir, o que sen dúbida é unha boa sinal”.
Se nesta ocasión lle toca a quenda a Vivaldi a primeira parte do curso centrárona noutro compositor italiano, Giusppe Verdi. Arredor deste autor no mes xaneiro ofreceron un concerto nun ateigado Centro Cultural Caixanova no que estiveron acompañados pola Orquestra Clásica de Vigo “foi unha actuación na que o coro tivo un moi bo papel, sobre todo se temos en conta que Verdi é un dos músicos máis complexos á hora de interpretar e implica unha técnica moi traballada”, subliñou Lorenzo.
De cara ao próximo curso están barallando a posibilidade de ofrecer unha pequena actuación en cada unha das diferentes escolas e facultades. “Trátase de que os estudantes vexan o que facemos e se lles gusta se poidan unir a nós”, explica a directora, quen subliña que o vindeiro ano haberá sorpresas “se este ano fixemos moito traballo clásico o ano que ven faremos algo máis lixeiro, pero que vai gustar moito e ata aí podo adiantar”.