DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a dirección de Xabier Álvarez

O Coro Universitario de Ourense acada a súa consolidación abríndose á cidadanía

Abrindo a porta a toda a sociedade, búscase contar cun grupo estable e habitual

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 22/05/2009

Comezou como un experimento nuns obradoiros de canto de carácter cuadrimestral, pouco a pouco chegou o éxito e hoxe en día o Coro Universitario de Ourense xa está oficializado. A consolidación desta actividade supuxo para o seu director, Xabier Álvarez, "un soño feito realidade que levaba anos perseguindo, xa fixera un intento de crear unha formación deste tipo nos inicios do campus, pero daquela non funcionara”. Agora esta agrupación é unha das habituais nos actos académicos universitarios, precisamente este momento do ano, o remate do curso, é para os integrantes da formación o momento de maior apoxeo, xa que a súa principal fonte de actuacións son os actos de graduación.
O coro conta actualmente con 25 membros, destacando a presenza feminina, “algo habitual neste tipo de agrupacións”, indica Álvarez. No tocante ao perfil dos coristas, non se pode establecer ningunha regra xeral, “somos un grupo interxeracional, interdisciplinario e internacional”, xa que ademais de contar con persoas de todas as idades e diferentes ocupacións, algúns dos seus membros tamén son estranxeiro, “Italia e Alemaña son dúas nacionalidades de membros do coro”. Aínda que a idea é que “haxa estabilidade e continuidade”, é difícil que isto suceda no caso dos estudantes, pero coa apertura a ex alumnos e outras persoas da cidade estase a conseguir un grupo habitual.
A formación está a traballar na actualidade en varios proxectos de futuro; por unha banda, “estamos pensando en ampliar o noso ámbito de acción”, para o cal están a buscar un coro consolidado que os apadriñe para darse a coñecer nunha actuación a toda a cidadanía. “A outra iniciativa que está en marcha é a creación dunha páxina web”, explica Álvarez, na que se recolla a súa historia, filosofía, repertorio, actuacións..., e incluso un foro ou blog no que todo o mundo poida opinar.

Ensaios e repertorio

O coro conta con dúas seccións, o grupo máis numeroso é a Escola Cantorum e este ano púxose en marcha Ars Canora, unha formación só de voces femininas. Os ensaios son de hora e media de 20 a 21.30 horas, luns e xoves para o primeiro grupo e os martes para o segundo.
Debido á súa condición de educador, Álvarez fai que nas súas clases “non só se aprendan cancións senón tamén educación e cultura musical”. A dinámica de traballo comeza coa practica de técnicas vocais, respiratorias e de interpretación, “a posta a punto do instrumento”, e despois xa se traballa o repertorio. En xeral “facemos un ensaio variado, rico e atractivo”.
O seu repertorio é o dunha coral típica de afeccionados, entretido e alcanzable para todos, “buscamos a variedade e tocamos un pouco todos os estilos, música clásica, popular, pop, gospel, música sacra”. Un das características que máis chama a atención deste coro é que “cantamos en varios idiomas: alemán, inglés, italiano, francés e incluso latín”.

Como entrar no coro?

Para poder entrar nesta formación é preciso ser membro da comunidade universitaria: profesor, estudante, persoal laboral ou ex alumno; sen embargo, este ano engadiuse unha nova posibilidade, abríndose o coro a toda a cidadanía: “poderán entrar todas aquelas persoas que o desexen cunha pequena limitación, non poden superar o 20% dos integrantes”. Deste xeito, os que queiran acceder “só teñen que chamar a nosa porta en calquera momento, non é preciso que sexa ao principio do curso, e lles gusta quedan con nós”.
Si é certo que antes de aceptar a un novo integrante, primeiro é convidado a participar nun ensaio “para que vexan o ambiente, a metodoloxía e a dinámica de traballo, que a eles lles guste o que facemos é o primeiro paso”. Tras esta toma de contacto, se seguen interesados, fáiselles unha proba de canto, pero “non se requiren grandes voces, o máis importante para cantar nun coro é ter oido musical, para non perderse nas melodías”.

A situación das agrupacións vocais

Existe a idea xeral de que os coros son unha actividade minoritaria e para xente maior, Álvarez non só desminte isto senón que ademais cre que “é un prexuízo, xa que na nosa península hai un amplísimo nivel de coros xuvenís”. Sen embargo, en Ourense este tipo de formacións non abundan, “é unha materia pendente que depende de moitos factores”. Por unha banda, sería precisa unha mellor educación musical nas escolas e institutos, “que non se centren só en tocar un instrumento, senón que tamén se fixen no canto”. Por outra parte, a actuación das institucións é fundamental, “é necesario que aposten pola creación de coros, como fixeron no seu día coas escolas de gaitas”. Na opinión de Álvarez, “é unha pena que os coros se perdan porque neles non só se canta, senón que é unha escola que transmite moitos valores culturais e humanos como a convivencia”.
No que se refire a situación dos coros en Ourense, “non nos podemos queixar da cantidade”, sen embargo si que é precisa “unha mellora da calidade, tanto na formación dos directores como dos integrantes do coro”.