DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Coro Universitario rende homenaxe ao poeta Miguel Hernández

Nun concerto no auditorio municipal de Vilagarcía este xoves ás 21.00 horas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/01/2010

No ano no que se celebra o centenario do nacemento de Miguel Hernández, o Coro Universitario súmase aos actos de homenaxe ao poeta cun concerto no que interpretarán unha adaptación musical da súa obra Villancico Extrafino. O auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa acollerá o recital este xoves 14 de xaneiro ás 21.00 horas convertendo á vila na primeira cidade española en acoller un dos actos dentro do ano do centenario. O concerto ofrece a posibilidade de gozar desta obra en formato musical e por primeira vez en galego grazas á adaptación musical do texto realizada polo músico Juan Pérez Berná e á tradución ao galego de Pamela Rodríguez.
O programa, que se divide en dúas partes, comprende por unha banda unha primeira cun repertorio de obras galegas e ópera da man da directora do coro e mezzosoprano, Nuria Lorenzo, acompañada por un piano (Carlos Enrique Pérez) e un violoncello (Ana Torres). Na segunda parte do recital, será o coro o encargado de interpretar tres temas tradicionais galegos para posteriormente dar paso ao Villancico Extrafino. Segundo explica Nuria Lorenzo, este é “un reto complicado” para a agrupación universitaria “xa que se trata dun repertorio de música contemporánea pero a verdade é que están respondendo moi ben, sobre todo tendo en conta que levamos tan só un mes preparando o concerto”.

Unha estrea en homenaxe a Miguel Hernández

Vilagarcía de Arousa á a única cidade española que conta cun parque que leve o nome do escritor e, por este motivo, é a escollida para abrir a programación de actos de homenaxe a Hernández, adiantándose incluso a Orihuela, vila natal do poeta. A adaptación de Pérez Berná do Villancico Extrafino comprende catro partes, “catro movementos” correspondéndose cada unha deles cunha escena concreta do Nadal: El Camino de Belén, El nacimiento, Los tres reyes e Los pastores. Segundo Lorenzo, poderíase dicir que é unha obra dramática “que podería ser interpretada como unha peza teatral con diferentes personaxes” e supón unha estrea a nivel nacional, non descartando volver a poñela en escena noutros lugares de Galicia dentro dos actos de celebración do centenario. A interpretación da panxoliña correrá a cargo do propio coro, solistas vocais, entre os que se atopa a propia Nuria Lorenzo, violoncello e piano.
Con esta iniciativa o Coro Universitario dá un paso máis achegándose a un repertorio que ata este momento lles era alleo e camiñando tanto cara a potenciación da formación musical dos estudantes como da difusión cultural tanto dentro da Universidade como máis aló das súas instalacións.