DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu obxectivo é espertar o interese do alumnado por esta música e por cantar con eles

O Coro Universitario sorprende cun 'flashmob' na biblioteca do campus

Camuflados entre a xente os cantores fóronse levantando cantando a canción 'Can´t help falling in lo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/06/2011
Ás 20.15 h deste xoves na Biblioteca universitaria do campus de Ourense estaban moitos alumnos preparando os exames, opositores estudando e xente gozando da lectura. Pero nese preciso momento comezaron a soar as notas dun órgano e, entre as mesas da biblioteca, fóronse levantando varias persoas cantando a coñecida canción Can´t help falling in love. Era o Coro Universitario do campus de Ourense, que realizaba o seu particular flashmob para chamar a atención do estudantado.

Entre a sorpresa e o sorriso dos que alí estaban, moitos do cales se puxeron a gravar a insólita escena cos seus móbiles, os cantores fóronse achegando á parte central da biblioteca e remataron todos xuntos cantando a canción de Elvis Presley baixo a batuta do seu director, Xavier Álvarez. Ao remate, un merecido aplauso e volta á normalidade, como corresponde a todo flashmob.

Os asistentes, sorprendidos pola acción e pola calidade das voces, quedaban comentando polo baixo a sorpresa recibida e os cantores e o seu director retirábanse moi satisfeitos polo resultado, pois aínda que foi unha pequena actuación improvisada resultou moi gratificante. Para aqueles que non puideron gozar da actuación en directo poderán facelo proximamente no vídeo que se gravou.

Con esta iniciativa os seus organizadores queren chamar a atención do alumnado sobre a existencia deste coro e sobre a súa música, para que esquezan a imaxe anquilosada que tradicionalmente se asocia á música coral e se animen a participar. O coro precisa máis voces, principalmente masculinas, e vai botar toda a súa imaxinación para conseguilas.