DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Seitura presenta este xoves o seu disco ‘Pontevedra boa vila’ na sede da Vicerreitoría

Coros que forman parte da historia e composicións esquecidas soarán na Casa das Campás

O 20 abril, un trío de fagot, oboe e clarinete interpretará unha serie de composicións pouco coñecid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 03/04/2017

Da recuperación das pezas que o coro Aires da Terra, comandado polo gaiteiro e farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijóo, rexistrou nun disco de pedra a principios do pasado século á posta en valor dunha serie de pouco coñecidas composicións de cámara contemporáneas, da man dunha pouco usual formación de vento. A través destas dúas propostas a música será protagonista nas vindeiras semanas na Casa das Campás, onde este xoves o grupo Seitura presentará o seu disco Pontevedra boa vila, e onde o 20 de abril o trío de canas Veteris ofrecerá un recital baseado na combinación de fagot, oboe e clarinete.

Recreando 'Aires da Terra'

Nacida no seo da asociación Pontevedra Polavila, a agrupación coral Seitura presentará este xoves na sede da Vicerreitoría o resultado de anos de traballo nos que puxeron o foco na obra e na traxectoria do coro que a finais do século XIX fundaba Perfecto Feijóo e na gravación que na que Aires da Terra rexistraba por primeira vez o son dunha zanfona. “O coro e a figura de Perfecto é un dos maiores tesouros que temos na vila”, salienta o director instrumental da agrupación, Miguel de Tenorio, dos que foron o punto de partida da gravación que estrearán este xoves nunha actuación na que a música coral se combinará cun cuarteto de gaita, tambor e bombo. Pontevedra boa vila, “como reza un dos retrousos” das pezas de música popular que integran a gravación, é o título dun disco “no que quixemos facer unha representación, máis que unha recreación” de oito das cancións incluídas na gravación orixinal de Aires da Terra, “as que pensamos que están máis ligadas á nosa vila”, explica este músico.

Unha representación e non unha recreación porque por unha banda engaden unha segunda gaita que non figura no rexistro orixinal, e por outra porque combinan na súa parte coral, que dirixe Lola Fernández, seis voces masculinas e seis femininas. “Aínda que non aparezan reflexadas como voces do coro, despois de investigar, démonos conta de que hai moitas constancias de que había mulleres en Aires de Terra e esa é unha das cousas que quixemos facer visibles”, salienta Tenorio dun proxecto no que tentaron “representar dalgunha maneira esa sonoridade do coro cunha formación que se puidera expresar en acústico sen ningún tipo de amplificación”.

Tres instrumentos ao servizo de composicións esquecidas

Xurdida na década de 1920 en Francia a formación de vento coñecida como ‘trío de canas’ vén marcada pola combinación de tres dos instrumentos que integran un quinteto de vento, o fagot, o oboe e o clarinete. “Non é unha formación moi habitual, pero ten unha sonoridade moi compensada e moi interesante”, recoñece Federico Vázquez, un dos integrantes do trío de canas que o xoves 20 ás 20.30 ofrecerá na Casa das Campás o seu primeiro concerto. Ferrán Calatayud, ao fagot; David Garrido, ao oboe, e o propio Vázquez ao clarinete integran unha formación que nesta actuación promovida pola Área de Extensión Cultural do campus interpretará unha serie de obras “que non son as máis habituais”, baixo un formato que "tampouco é o máis habitual".

Non en van, o repertorio que este trío de músicos e docentes seleccionou para este recital está integrado por unha selección de pezas “bastante interesante de compositores pouco coñecidos”. Rondó de Konolosky, Trío de Henri Sauguet, Trío de Birger Blomdhal e Reminiscencias Arxentinas de L. Zuckert integran o programa dun recital que reúne, como explica Vázquez, unha serie de pezas “bastante tonais e melódicas, ningunha delas editada en disco” de compositores de música de cámara do século XX.