DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O corpo consular vigués implícase na internacionalización da Universidade e do Campus do Mar

O reitor reuniuse co máximo representante deste organismo, o cónsul honorario de Dinamarca en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 09/09/2010

A Universidade de Vigo quere realizar unha aposta clara por afianzar e consolidar o seu proceso de internacionalización. Con este motivo, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias reuníronse co decano da Xunta Reitora do Honorable Corpo Consular en Vigo, José Antonio de Román y Luis, cónsul honorario de Dinamarca, na que se presentou oficialmente e se puxo á disposición da institución para apoiar internacionalmente o proxecto do Campus do Mar.

Nesta visita protocolaria, Salustiano Mato, Manuel Fernández Iglesias e José Antonio de Román y Luis, como máximo representante do Corpo Consular en Vigo, coincidiron en que a “súa relación ten que ir máis aló do programa de mobilidade Erasmus” saltando a plans máis ambiciosos de internacionalización e cooperación, potenciando a imaxe da Universidade de Vigo en Europa e en todo o mundo. Así mesmo, brindou todas as canles de información posibles ao servizo das embaixadas para facilitar este proceso.

Campus do Mar, eixo principal da xuntanza

O Campus do Mar converteuse nun dos eixos principais da xuntanza. Tanto o reitor como o vicerreitor de Relacións Internacionais aproveitaron a visita formal do cónsul de Dinamarca para presentarlle o proxecto do Campus do Mar. Tras unha introdución das magnitudes que suporá dispor dun Campus de Excelencia Internacional, José Antonio de Román, en representación de todo o corpo consular vigués, ofreceuse a “tentar ser unha caixa de resonancia nos nosos países”. O reitor da Universidade de Vigo recoñeceu que “contamos cun apoio que facilitará o proceso de internacionalización do Campus do Mar o que supón un gran número de fiestras abertas para expandir o proxecto”. Trátase, en parte, de consulados de países ligados ao mar polo que a súa adhesión podería resultar fundamental para o desenvolvemento do Campus do Mar.

Posteriormente, Salustiano Mato e Manuel Fernández Iglesias aproveitaron un xantar oficial co resto dos membros do corpo consular para exporlles un resumo do proxecto definitivo que se presentará á convocatoria de Excelencia Internacional.