DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo da compañía LaMacana grazas á coprodución co CCN-Roubaix Nord-Pas de Calais

O corpo libérase de prexuízos co espectáculo ‘No Title Yet’

Este xoves continúa o ciclo de conferencias De Promesa a Realidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 03/04/2013

Vitalidade poderosa e libre; un corpo feito de afectos e intensidades nas que se poden atopar albores e zonas capaces de respostar a estímulos externos deixando de lado prexuízos, escrúpulos e convencionalismos adultos. Así é como se resume o espectáculo de danza No Title Yet, unha obra que, da man de Alexis Fernández e a compañía LaMacana, leva a escena o universo artístico de Vladimir Cruells, un artista plástico afincado en París e influenciado pola cultura urbana e os debates sociais e políticos da súa contorna. A representación terá lugar este venres ás 20.30 h na Casa das Campás.

LaMacana é unha compañía de danza de creación contemporánea creada no ano 2009 e residente en Galicia na que se engloban traballos artísticos dos creadores Caterina Varela e Alexis Fernández. Ademais de crear as súas obras propias, os artistas colaboran con outras compañías, en especial aquelas con proxección internacional, para dar a coñecer os seus traballos. Deste xeito xurdiu No Title Yet, unha peza nacida grazas a coproducción co CCN-Roubaix Nord-Pas de Calais, dirixido por Carolyn Carlson no norte de Francia. Dita artista, que tivo un papel clave no nacemento da danza contemporánea francesa e italiana, creou máis de 100 pezas ao longo da súa traxectoria, moitas das cales se converteron en hitos na historia desta disciplina.

De Promesa a Realidade

Dentro da programación cultural e dirixido ao alumnado de último curso do grao en Belas Artes e a estudantes de mestrado, este xoves terá lugar unha nova sesión do ciclo de conferencias De promesa a realidade, que trata de amosar a situación profesional á que se terán que enfrontar aqueles que están a piques de rematar os seus estudos, relatada dende o punto de vista de ex alumnos e alumnas do centro. Desta volta, será Maribel Castro a encargada de contar a súa experiencia coma investigadora, docente e artista plástica tras finalizar a carreira. A súa intervención terá lugar este xoves ás 12.30 h na Facultade de Belas Artes.