DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle esta semana os cursos de formación do festival de danza de Ourense

Corpo a terra para aprender a bailar

Os participantes aprenden técnicas de baile contemporáneas e improvisación

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 04/07/2013

Ourense celebra do 4 ao 6 de xullo a terceira edición de Corpo(a)terra, o festival de danza de rúa da cidade. O campus únese a esta cita acollendo na súa ludoteca tres cursos de formación sobre técnicas de baile contemporáneas, breakdance e improvisación. Ao longo de tres días, os amantes da danza percorrerán a cidade da man desta iniciativa, que encherá de movemento as súas prazas e recunchos mais emblemáticos, entre eles a Universidade.

Cuestión de peso e contrapeso

Os cursos no campus de Ourense comezaron o martes e mércores cun taller sobre Técnica de movemento contemporáneo a cargo de Los INnato, de Costa Rica. Este xoves e venres a actividade continúa cun obradoiro sobre Técnica de contacto improvisado, ofrecido polo cubano Leodan Rodríguez. Cun carácter principalmente práctico, “o obxectivo deste curso é introducir aos participantes nestas técnicas nadas en Estados Unidos e que se basean nos estados de gravidade dos corpos, nos pesos e contrapesos”, explica o docente. Deste xeito, durante a formación os participantes traballan en parellas e en grupos, reforzando a comunicación entre os seus membros, aprendendo a manexar o peso e contrapeso dos corpos, do propio cando se dirixe aos demais e o dos demais cando é soportado por un mesmo.

As actividades continuarán o venres cun curso de breakdance, un estilo de danza urbana que forma parte da cultura Hip-Hop. A formación correrá a cargo da compañía galega A Vella Escola e con ela pecharase o programa de actividades de Corpo(a)terra no espazo universitario. Co obxectivo de garantir a calidade das sesións e para optimizar a presenza de destacadas compañías e profesionais na cidade co gallo desta iniciativa, os docentes de cada curso tamén actuarán nos escenarios da cidade dentro da programación deste festival de rúa.

Novos públicos para a danza

Marta Alonso e Begoña Cuquejo, da compañía Traspediante, son as organizadoras desta cita coa colaboración da Concellaría de Cultura de Ourense. Elas son tamén as responsables cada ano de ofrecer no campus o seu xa tradicional obradoiro de danza, obradoiro do que logo xorde un grupo de danza universitaria que actúa en diferentes festivais pola xeografía galega e incluso estatal. No marco deste traballo de difusión e de formación, Corpo(a)terra, salientan as súas promotoras, naceu e medra cada ano coa idea de xerar un vínculo afectivo entre a danza e o público xeral, un vínculo establecido a partir das artes do corpo pero que se presentan desde diferentes aproximacións artísticas ao movemento (danza, circo, poesía, etc.) e que vai na procura de novos públicos para a danza, entendida no senso mais amplo posible.

As actividades de Corpo(a)terra son de balde e abertas a todas as persoas interesadas, destancando na programación a mestura de artistas galegos, estatais e internacionais e o esforzo por visibilizar nela o traballo de artistas ourensás, como a propia Begoña Cuquejo.