DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Corporación Municipal ratifica no pleno a Medalla de Ouro da Cidade á Universidade

A entrega terá lugar este venres ás 20.00 horas na sala de exposicións da Zona Franca

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/03/2010

A Universidade recibirá este venres a máxima distinción que se concede en Vigo a unha entidade en sinal de recoñecemento da súa traxectoria: a Medalla de Ouro da cidade. A corporación municipal aprobou este xoves por unanimidade de todos os grupos a concesión nun pleno extraordinario no que tamén se decidiu que o acto de imposición da medalla e entrega dos galardóns aos Vigueses Distinguidos 2010 terá lugar mañá venres 26 ás 20.00 horas na sala de exposicións da Zona Franca.
O reitor, Alberto Gago, celebrou a consecución desta distinción coma un forte recoñecemento ao traballo que se ten levado a cabo dende que se constituíu a Universidade no 1990 e subliñou que supón tamén un enorme incentivo para seguir loitando e afrontando novos retos, particularizando no Campus do Mar “porque é a última bandeira que nos permite identificarnos a todos e visibilizar de xeito claro o papel que pode xogar a Universidade na súa área de influenza”, se ben tampouco se esqueceu de mencionar outros proxectos nos que a Universidade tamén está inmersa, como é o caso da coordinación europea dunha rede mundial de nanosatélites.
Ao respecto do proxecto co Campus do Mar, no que se aglutinan os apoios das principais entidades sociais, económicas e políticas de Galicia e o Norte de Portugal, Gago manifestouse tamén convencido de que esta distinción contribuirá a que a candidatura viguesa goce dunha maior relevancia no seu camiño cara á consecución do selo de Excelencia Internacional.

Dobre aniversario

A entrega da medalla, que se entrega no marco das celebracións da Reconquista, adquire unha dimensión especial ao coincidir co vinte aniversario da institución académica e co segundo centenario da concesión a Vigo do título de cidade polo seu comportamento ante a invasión francesa.
O pleno da corporación viguesa acordou tamén por unanimidade conceder o título de Vigueses Distinguidos a sete persoas e colectivos, previamente pactados pola Xunta de Portavoces, na que cada grupo propuxo a dous candidatos, ao que se engadiu un por consenso dos tres grupos. Así a decisión final foi: Aurelio Pérez, ex director do RC Celta; a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo; a asociación de mulleres Diálogos 90; Escolas Ramón Nieto; Fogar e Clínica San Rafael; a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Helios de Bembrive e o músico Teo Cardalda, integrante do dúo musical 'Cómplices'.