DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de BBAA Alberto Ruiz de Samaniego reflexiona sobre o camiñar e o fuxir no seu novo libro

Corpos á deriva intentando responder onde e como vivir e crear

En diferentes ensaios, aborda cuestións como a necesidade de distanciarse de pensadores e artistas

Etiquetas
  • Pontevedra
Eduardo Muñiz DUVI 30/06/2017

“A necesidade de dar resposta a cuestións que afectan directamente a existencia: onde vivir, como vivir, onde crear e como” constitúe, como salienta o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego, o xerme inicial de Cuerpos a la deriva, libro no que propón unha reflexión acerca de camiñar, vagar, pecharse nunha estancia ou distanciarse da sociedade e sobre como estas accións foron abordadas por artistas e pensadores. “Todos somos en definitiva corpos á deriva que ao longo da nosa vida buscamos, máis ou menos desesperadamente, restablecer a significación e unha certa estrutura de sentido en medio da erosión continua do devir”, salienta este profesor de Estética, que sostén que todo acto creativo ou de pensamento “non son máis que intentos de recoller os fragmentos dunha orde aparentemente perdida”.

No volume publicado por Abada e no que reúne 14 ensaios, Ruiz de Samaniego achégase a como filósofos como Nietzsche ou Wittgestein, artistas como Henri Michaux ou Francis Bacon e escritores como Raymond Roussel ou Roland Topor abordaron estas “accións decisivas do ser humano”, aspectos que así mesmo pon en relación con outros eidos como o cinema ou a infancia. Estruturado en tres bloques, o autor propón neste volume unha serie de reflexións sobre procesos creativos que parten do corpo e o seu devir, sobre o camiñar e o vagar como unha forma de “conectar a vida coa vida” e sobre a vontade de artistas e pensadores de distanciarse do mundo co propósito, sinala, de “volvelo máis real”.

Así, no primeiro bloque, Derivas, Retiros, Ruiz de Samaniego atende a accións como a vagabundaxe, a construción de cabanas ou mesmo a exploración dos polos, mentres que en Cuerpos concéntrase "no estudo dalgunhas perspectivas creativas que transitan de forma innegable a través dunha experiencia corporal que as anima e lles dá enteira consistencia”. Por último, no bloque Fugas reúne unha serie de textos sobre esa “vontade máis grande que o suxeito mesmo de pór distancias co mundo”.

Pensamento e creación esixen distancia

“Non existe pensamento nin acto creativo sen mediar unha distancia entre o suxeito e iso que chamamos realidade”, sostén Ruiz de Samaniego, que nese senso defende esa necesidade de tomar distancias do mundo, “se queremos pensalo, cambialo” ou, engade, facelo máis real. “Se o pensamos ben, o feito mesmo de que crearamos esa convención incerta e abstracta que chamamos ‘realidade’ é consecuencia do noso distanciamento fronte ao acto en bruto de existir”, engade este docente, que defende ao pensador e artista no seu libro como “un ser de fronteiras”, xa que é quen se atopa á marxe quen “ten o poder de mirar desde lonxe”. Nese punto, Ruiz de Samaniego lembra unha cita de Wittgestein, quen afirmara que “a grandeza ou pequenez dunha obra depende de onde estea quen a fixo”.

De aí que precisamente un dos elementos abordados en Cuerpos a la deriva sexa a idea da cabana e a “experiencia do pensar nesas moradas de existencia liminar”, ás que recorreron filósofos como Walter Benjamin e propio Wittgestein, compositores como Grieg ou Mahler e escritores como Virgina Woolf, Bernard Shaw ou o propio Henry David Thoreau. Cabanas nas que podían “observar as cousas e aos homes desde a debida distancia” que que este profesor xa abordara tanto en publicacións previas como en proxectos expositivos como Cabañas para pensar, que desenvolveu co artista e investigador da facultade Eduardo Outeiro. “Sempre me seduciron as propostas anacoréticas”, recoñece o autor deste libro, que ve nestas construcións “unha implicación persoal, pero tamén política e estética, verdadeiramente rica e complexa que, creo, configura ademais unha das liñas de desenvolvemento do pensamento e a creación do que chamamos moderno”.