DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A corrente feminista chega a Vigo co VII Encontro da Marcha Mundial de Mulleres

O programa inclúe unha manifestación que percorrerá as rúas da cidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 07/10/2008

Entre os días 14 e 21 deste mes un grupo de alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución tomarán parte, en calidade de voluntarias, no desenvolvemento do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial de Mulleres, unha rede de organizacións feministas que cada dous anos mantén reunións nunha cidade distinta. Nesta ocasión será Vigo a encargada de acoller a representantes de 50 países distintos, polo que “a linguaxe é unha das dificultades a resolver”, tal como explica Tareixa Otero, directora local do movemento, que engade que “esta é a primeira vez que acude unha delegada menor de trinta anos, o que garante a continuidade da corrente feminista”.
A Marcha Mundial das Mulleres parte de dous principios básicos que dende hai quince anos enmarcan as súas accións. Trátase da erradicación da violencia sexista e da eliminación da pobreza, posto que “sabemos que o 70% das persoas que pasan fame son mulleres”, segundo palabras de Otero. Pero este movemento ten tamén unha corrente antiglobalizadora que o leva a denunciar a crecente privatización dos medios naturais, precisos para a supervivencia da poboación. “Isto xa non só afecta aos países pobre, pois en Galicia empezamos a estar preocupadas por aspectos como o uso masivo de pesticidas e o despoboamento do rural, que vai acompañada da privatización de montes, ata o de agora comunais”, engade.

Un encontro con parte pública e privada

A Residencia de Tempo Libre de Panxón será testemuña da reunión que as delegadas manterán co obxectivo de establecer o plan estratéxico da Marcha para os vindeiros cinco anos. Os catro eixos nos que se centrarán son o traballo das mulleres, a violencia sexista, a paz e a desmilitarización e o acceso aos recursos e ao ben común. “Precisamente este último é o concepto de soberanía alimentaria sobre o que van xirar os actos públicos deste VII Encontro”, tal como explica Tareixa Otero.
Para inaugurar a parte das xornadas aberta ao público, o vindeiro 18 de outubro terá lugar un foro internacional no que participarán persoas tan destacadas como Gladys Alfaro, representante do Centro de Investigación e Acción da Muller Latinoamericana; Lidia Senra, labrega e membro de Via Campesina; e Irene León, directora da área de muller da Axencia Latinoamericana de Información. Paralelamente, celebrarase unha feira popular na Praza da Estrela.
Xa o domingo pola mañá procederase á construción dunha “escultura simbólica coa participación das delegadas da marcha, axudadas por alumnas voluntarias da Facultade de Belas Artes”, segundo palabras de Raquel Monteso, dinamizadora do movemento. A continuación, terá lugar unha manifestación que, partindo dende a Praza do Concello percorrerá as rúas de Vigo para chegar ata a Praza de Compostela. Para rematar os actos deste VII Encontro, o Centro Cultural Caixanova acollerá unha reunión internacional de feministas novas.

Máis información