DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun proxecto do grupo Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo

Un corto de animación reivindica a importancia do pracer das mulleres

A súa directora é a cineasta Mabel Lozano e a ilustradora Marta Delas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Ourense 21/02/2024

Baixo o título El placer de las mujeres importa, este mércores presentouse no campus de Ourense un corto de animación que ten como obxectivo reivindicar e visibilizar a sexualidade feminina, dedicando especial atención ao clítoris. Trátase dun proxecto das investigadoras do grupo Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo María Lameiras e Yolanda Rodríguez, guionistas do audiovisual, que está dirixido pola cineasta Mabel Lozano e que conta con imaxe, animación e son da creadora Marta Delas.

Na presentación do vídeo, ademais das súas guionistas e directora estiveron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez, Maribel Doval e Mónica Valderrama, responsables das vicerreitorías de Campus de Ourense; Benestar, Equidade e Diversidade e Comunicación e Relacións Institucionais; e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, ademais de alumnado, persoal docente e investigador e persoas convidadas. Na súas palabras, o reitor puxo en valor o compromiso feminista da Universidade de Vigo, o "orgullo" da institución académica polo traballo neste eido de grupos de investigación como o promotor deste proxecto e lembrou “no camiño cara a igualdade", a "obriga moral non só de facer unha universidade igualitaria" senón tamén de que "este fermento á sociedade”.   

Mabel Lozano amosou a súa satisfacción polo traballo feito e polo resultado acadado, destacando que se trata dun corto “atrevido, ousado e honesto” e subliñando del “a importancia de falar do serio desde o humor para chegar a máis xente”. A directora da peza recalcou a importancia de accións como a creación e a difusión deste audiovisual tendo en conta que “estamos nunha sociedade na que se está educando na pornografía” e amosou o seu desexo de que o material elaborado chegue ao maior número posible de xente, e de xeito especial á xuventude.

A “ablación cognitiva” do clítoris

Segundo explicou María Lameiras, catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico, o grupo de investigación que lidera conta cunha dilatada traxectoria de varias décadas traballando en estudos de xénero e sexualidade. Entre os seus temas de interese está “visibilizar o pracer das mulleres, que é o grande esquecido ou invisibilizado, incluso nos programas de educación sexual” e neste eido teñen desenvolvido materiais de divulgación destinados a “levar a toda a cidadanía os contidos sobre os que traballamos”. Así, o vídeo presentado dá continuidade concretamente á guía O clítoris e os seus segredos, publicada polo mesmo grupo.

Nesta ocasión, as responsables do proxecto indican que optaron por unha curtametraxe audiovisual, cun formato e unha estética máis acaídos para chegar na actualidade á maior cidadanía posible. Nel falan do pracer das mulleres, e de xeito especial do clítoris, empregando “mensaxes moi claras e directas” que abordan “coñecementos que consideramos fundamentais e que calquera cidadá debe ter”. Na peza, cunha duración de algo máis dun minuto, visibilízase a importancia do pracer das mulleres e sublíñase a súa capacidade sexual, “ao mesmo nivel que a dos homes”, apostando por “normalizar a palabra clítoris, unha palabra que aínda hoxe en día incomoda e moito, a pesar de que a metade do mundo ten clítoris”.

Alén do seu carácter divulgativo, a curtametraxe, comentaron as súas responsables, é tamén unha forma de pór sobre a mesa a violencia contra as mulleres a través da ablación. Por unha banda, apuntaron, está o “ataque brutal” que supón a ablación física do clítoris, que advertiron, afecta a arredor de 200 millóns de mulleres no mundo e a case 4000 en España. Por outra banda, engadiron, está a “ablación cognitiva”. A sociedade, explicou María Lameiras, “invisibiliza este órgano de pracer, o clítoris, de tal maneira que tamén na nosa mente se invisibiliza esta realidade física e as mulleres non somos conscientes desa parte do noso corpo nin das súas capacidades”. Vivimos, comentou a profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, en “sociedades patriarcais nas que tamén se invisibiliza a capacidade de sentir das mulleres”.