DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase o sábado 27 de xaneiro

O coto de Novelle e a vila termal Arnoia, destino da primeira ruta universitaria de 2024

Aberta á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 22/01/2024

A programación 2024 das rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo arranca este sábado 27 de xaneiro. Será cun percorrido polo coto de Novelle e a vila termal de Arnoia (Ourense). Con 110 prazas dispoñibles, a inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

Esta quinta ruta do curso académico 2023-2024 e primeira deste segundo cuadrimestre, abrangue unha distancia de 16 quilómetros e unha dificultade media-baixa. As persoas participantes seguirán o percorrido coto de Novelle, ermida de San Miguel, San Roque, Outeiro Cruz e paseo termal do río Arnoia e terán a oportunidade de coñecer o patrimonio natural e histórico da zona. Segundo explican desde a organización das andainas por parte da cooperativa Xeitura, trátase dunha “incursión no concello de Arnoia, enclavado entre os ríos Arnoia e Miño e as montañas de O Castro e coto de Novelle, que configuran un val dedicado maioritariamente á agricultura (viñedos e produtos de horta, especialmente pementos)”. Igualmente poñen en valor a “riqueza etnográfica que atesouran os diversos muíños, fontes, petos das ánimas, augas termais, capelas, etc.” deste enclave. A ruta inclúe paradas interpretativas a cargo de persoal especializado.

Inscrición

Como  nas demais rutas universitarias, hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.). Tras esta primeira andaina de 2024 seguiranlle outras por San Mamede, Manzaneda, O Rosal, Las Médulas e Carnota, prolongándose a programación ata o 20 de abril.