DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina terá lugar o sábado 25 de febreiro

O Courel, próximo destino das rutas culturais universitarias

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 22/02/2023

As rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, continúan este sábado, día 25 de febreiro, a súa programación. A terceira andaina deste cuadrimestre e a sétima deste curso académico terá como destino O Courel (Lugo). Unha vez máis a inscrición está aberta á comunidade universitaria pero tamén á cidadanía en xeral.

A andaina consta de 16 quilómetros, ten unha dificultade media/alta e sigue o itinerario Vilar, Froxán, Vilamor e Campa, realizando diferentes paradas interpretativas a cargo de persoal especializado. “O Courel é un dos territorios máis antigos da península. O seu interese xeolóxico é manifesto coa multitude de covas que existen na contorna. Neste percorrido estaremos ante a gran reserva verde de Galicia. Todas as especies, excepto as litorais, teñen representación neste cruzamento xeográfico de montaña, con características atlánticas e mediterráneas”, comentan desde a organización. Ao longo do percorrido, engaden, “visitaremos o castro de Vilar así como a ermida de San Roque, dentro dun itinerario entre sobreiras, castiñeiros e a presenza do río Lor”.

110 prazas

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).