DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Medio Ambiente pon en marcha unha plataforma web para o intercambio de obxectos

Cousas que a ti che sobran, cousas que outro precisa

As persoas interesadas poden doar material ou solicitar algún do que se ofrece

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/04/2014
A máquina de escribir abandonámola cando chegou a eléctrica, a eléctrica cando apareceu o ordenador de mesa, o ordenador de mesa cando se popularizou o portátil e o portátil cando naceu a tableta. E seguindo este exemplo, paso a paso nunha sociedade de consumo, no traballo e na casa vamos acumulando todo tipo de trebellos que consideramos xa obsoletos e que acabarán rematando no lixo. Con todo, o que para uns xa non ten utilidade para outros si a ten e moita. Co obxectivo de darlle unha segunda oportunidade a todo tipo de material de uso por parte da comunidade universitaria, a Oficina de Medio Ambiente vén de por en marcha unha plataforma web na que uns poderán doar cousas que lles sobran e outros poderán levalas de balde.

Unha plataforma aberta

Baixo o lema Non os tires, dálles utilidade a Plataforma de Intercambio de Material púxose en marcha este mes e xa se realizaron as primeiras operacións entre doantes e persoas interesadas. “A idea xurdiu analizando con outro técnico da OMA, con Sergio Ramos, as necesidades que tiña a Universidade de Vigo en temas de residuos informáticos. Pensando nese tema ocorréusenos facer esta web e ampliar a idea a todo tipo de material que un membro da comunidade universitaria puidera ter en desuso e que outro puidera precisar, como mobiliario ou libros, ademais de material informático e tecnolóxico”, destaca Lucía Castro, técnica da OMA en Ourense encargada do desenvolvemento do proxecto.

Deste xeito, a plataforma web ofrece a posibilidade a calquera persoa, membro ou non da comunidade universitaria, a posibilidade de ofrecer nela os obxectos que quere doar, explicando as súas características e incluíndo fotografías se así o desexa, e deixando un enderezo electrónico de contacto. A persoa interesada nese material, que pode ser ou non membro da comunidade universitaria, ten que pórse directamente en contacto co doante para solicitar de balde ese material e organizar a entrega. “É importante destacar que non é necesario dar nada a cambio do material que se solicita. O noso único obxectivo é dar unha segunda vida ás cousas en desuso e que non rematen no lixo. Nós creamos a plataforma pero agora xa é dos usuarios, que son os que a teñen que manter activa”, comenta Castro Ferreiro. Entre o primeiro material posto a disposición doutras persoas por membros da comunidade universitaria está principalmente material informático, como impresoras, cartuchos de impresora, cabreado e altofalantes.

O mellor xeito de reciclar

“Do que se trata é de darlle unha nova oportunidade ás cousas, non por elas, senón por nós. Non podemos deixar de consumir, non podemos quedar parados, e a mellor maneira de reciclar a día de hoxe é reutilizar”, engade José Manuel Pérez Teijeiro, responsable de xardíns e zonas verdes do campus de Ourense e promotor tamén da iniciativa. Deste xeito, explica, un ordenador que para un investigador pode quedarse curto nas súas prestacións, para un estudante, que vai facer un uso básico del, empregando o procesador de textos e Internet, pode ser perfectamente útil.

Ademais dunha alternativa de resolución práctica dunha necesidade, o proxecto, explican os seus promotores, ten como obxectivo “concienciar á xente de que a xestión dos residuos informáticos e doutro tipo é un problema ambiental que non se soluciona cun consumo desmedido e enviando os aparellos obsoletos a África”. O problema, apuntan, é noso e nós deberíamos solucionalo a través, entre outras cuestións, da racionalización do consumo e da reutilización dos obxectos.