DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Covalblú achega aos universitarios o seu disco debut Mai

O Vidal Bolaño acolleu un concerto no que o folk confluíu con outros estilos musicais

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/10/2009

A música regresou esta tarde ao teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria da man do grupo galego Covalblu que presentou ante os universitarios o seu primeiro disco, Mai, unha revisión dende unha óptica actual a tradición musical galega.
Na aposta habitual da programación cultural por traer grupos emerxentes, interpretaron diferentes temas que integran este primeiro traballo, todos de composición propia, entre os que figura O vento maino, asinada por Rodrigo Romaní.
Con músicos procedentes do mundo da música tradicional e da formación clásica, o grupo asume unha proposta musical na que conflúen, ademais do folk outros estilos musicais como a música tradicional galega, a bossa nova ou o blues.
Cun estilo persoal baseado na música de autor, os cinco compoñentes de Covalblu, formación xerada no 2007, acumulan unha significada experiencia gañada en bandas musicais diversas que os levou por Galiza e fóra dela, desde Ortigueira até Lorient, entre outras citas relevantes da música tradicional.
O álbum, no que teñen unha forte presenza o violín, a arpa, a guitarra, violoncello e percusións, foi gravado e mesturado por Isaac Millán, baixo a produción do grupo, e o deseño da capa correu a cargo de Xavier Maghallaes.

A vindeira semana espectáculos de rúa con Nanny Cogorno

Dentro da programación cultural da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, os espectáculos de rúa volverán a vindeira semana a amenizar o xantar do público no Centro Comercial de Cidade Universitaria. Desta volta será o hispano-arxentino Nanny Cogorno coa súa proposta Lunatik. Será o xoves a partir das 14.15 horas.