DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creación e deseño dunha páxina web gratuíta ao alcance de toda a comunidade universitaria

O período de inscrición neste curso de formación abrirase o 10 de xaneiro, á volta de Nadal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 15/12/2010

Cada vez estase facendo máis imprescindible dispor dun espazo propio na web, ben de carácter persoal ou ben profesional. Na actualidade, cos recursos gratuítos que flúen por Internet, calquera usuario e usuaria pode crear e deseñar unha páxina web independentemente do seu grao de coñecemento, e de forma gratuíta. Esta iniciativa é a que quere levar a cabo o curso de formación Deseño de Páxinas Web con recursos gratuítos, que se impartirá na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás despois do período de Nadal. De carácter presencial, calquera membro da comunidade universitaria poderá inscribirse, é totalmente gratuíto.

Grazas ao desenvolvemento do software libre que empregan editores web de código aberto todo o mundo poderá crear o a súa páxina web e de forma rápida. Para iso o curso centrarase en dar a coñecer as características básicas dunha páxina web así como o o seu proceso de creación. Será necesario ademais saber localizar as aplicacións, recursos ou elementos multimedia de carácter gratuíto e o que é máis importante, entender os elementos que conforman o código da páxina web e a linguaxe XHTML. Tamén haberá un módulo especializado en coñecer e manexar as ferramentas de creación e publicación web.

De este xeito o programa do curso consta de catro eixos principais, con unha introdución que dá a coñecer o software libre e o papel do deseñador web; unha sección especializada na planificación da páxina; un terceiro eixo centrado en explicar a maquetación con XHTML e por último outro focalizado en publicación da páxina web.

O curso Deseños de Páxinas Web con recursos gratuítos estará impartido por Lidia Nokonoko Malvido, licenciada en Belas Artes e actualmente deseñadora gráfica e web no xornal Faro de Vigo. Ademais xa exercera de monitora de cursos de Deseño e Infografía.

Período de inscrición e docencia

A través da plataforma Bubela calquera membro da comunidade universitaria poderase inscribir desde o 10 ao 14 de xaneiro de 2011. Serán doce horas de obradoiro repartidos entre os días 17, 19, 20, 24, 26 e 27 de xaneiro de 2011, en horario de 19.00 a 21.00 h.