DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo amosa un estudo coordinado polo profesor Miguel Rodríguez

A creación dun consorcio de 13 concellos ourensáns permitirá reducir os custes do servizo de recollida de lixo

O proxecto tamén aposta pola autocompostaxe para disminuír a cantidade de residuos orgánicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 07/09/2009

O aumento na xeración de lixo representa un dos principais problemas ambientais da nosa sociedade. Por outra banda, os servizos de recollida e de tratamento de residuos encarécense progresivamente, o que dificulta, en ocasións, a prestación deste servizo por parte das administracións locais, especialmente nos concellos de tamaño reducido. Neste contexto, os consorcios de ámbito supramunicipal preséntanse como unha opción máis que axeitada para minimizar os custes do servizo de xestión de residuos mediante a súa prestación mancomunada. Esta é a idea que analiza o proxecto Consorcio para a recollida do lixo do noroeste da provincia de Ourense, informe coordinado polo profesor de Economía Aplicada, Miguel Rodríguez e promovido pola Universidade de Vigo e varios concellos ourensáns.
Tras case un ano de traballo, Rodríguez presentou este luns no Concello de Piñor os resultados do estudo, que amosan “a viabilidade e os beneficios da creación deste consorcio”, indicou o coordinador. O informe tamén achega propostas que “permiten avanzar cara unha xestión sostible dos residuos municipais no ámbito de estudo, facendo fincapé no análise das variables económicas e financeiras”, explicou Rodríguez. O acto contou coa presenza dalgúns dos alcaldes dos concellos involucrados, que amosaron a súa satisfacción polas propostas, “están moi interesados. As recomendacións parécenlles correctas e queren que o proxecto comece a andar canto antes”, sinalou Rodríguez.
Á luz dos resultados, “os concellos xa teñen os vimbios para poñer en práctica estas ideas”. Tras a constitución legal do consorcio, que xa está en trámites de xeración con cinco concellos, aos que previsiblemente se irán sumando os demais, “só resta poñer en común os medios materiais que posúan, procurar os que non teñan e comezar a aplicar as medidas propostas que consideren oportunas”.

13 concellos unidos nun consorcio

O proxecto “analiza a posibilidade de poñer en funcionamento un consorcio entre concellos, cuxo primeiro obxectivo sería a creación dun sistema de recollida de lixo con criterios ambientais”, aínda que nun futuro próximo a idea vai máis alá e os concellos pretenden empregar o consorcio para a prestación doutros servizos.
A idea de realizar este proxecto xurdiu do alcalde do Concello de Piñor, Francisco Fraga, que “estaba moi interesado en poñer en marcha un sistema de recollida do lixo que fose economicamente asumible polo propio concello”, comentou Rodríguez. A creación dun sistema de recollida conxunto “permitirá aproveitar as economías de escala, establecendo rutas diarias entre varios concellos”. O proxecto involucrará, nun principio, aos concellos ourensáns de A Peroxa, Amoeiro, Boborás, Carballeda de Avia, Coles, Cortegada, Gomesende, Maside, Piñor, Punxín, Vilamarín, O Carballiño e Ribadavia.
Ademais da creación do consorcio, unha das principais propostas de xestión dos residuos polas que aposta o informe é a potenciación da autocompostaxe que suporía un aforro económico e ambiental respecto do sistema actual, “xa que ao reducirse a cantidade de lixo orgánico tamén se podería diminuír a frecuencia de recollida e, polo tanto, os custes do servizo”. O novo sistema tamén contempla a recollida porta a porta do resto dos residuos orgánicos e a recollida en áreas de reciclaxe de envases, papel e cartón e vidro. Mentres, nas zonas urbanas de O Carballiño e Ribadavia apóstase pola mellora dos sistemas actuais de recollida.
Ademais de Rodríguez, o proxecto tamén contou coa participación da profesora de Dereito Administrativo, Sonia Rodríguez-Campos, que se encargou de analizar os fundamentos legais para a fundación do consorcio e as súas vantaxes fronte a outras formas organizativas. No tocante ao apartado técnico do traballo foi unha consultora especializada a que se encargou da recollida da información.

Formando profesionais en xestión ambiental

Moi vinculado a este proxecto, no que a contidos se refire, atópase o Máster en Xestión e Desenvolvemento Sostible, creado polo grupo de investigación REDE (Research in Economics, Bussiness and the Environment) e no que Rodríguez imparte algunhas das materias. Este mestrado, de carácter profesionalizante, ten como obxectivo formar expertos “no mundo da responsabilidade social corporativa e o desenvolvemento sostible”, explicou Rodríguez.
Esta titulación conta cun cadro docente formado por máis de 40 expertos, “dos que o 60% proveñen da empresa privada, grazas ao cal os estudantes verán algo máis que os argumentos académicos e económicos que nós lle poidamos proporcionar”.