DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Programación ARDUINO con módulos ASB

A creación de instalacións interactivas, ao alcance de todos grazas a un curso organizado pola Vicerreitoría do campus

O prazo de inscrición xa está aberto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 30/03/2009

A creación de pequenos robots semella estar só ao alcance de mestres da informática e expertos en electrónica, sen embargo, no suporá ningún problema para aqueles que participen no curso Introdución á creación de instalacións interactivas da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. A través da plataforma ARDUINO, coa axuda de módulos ASB e coa imaxinación como único límite os alumnos coñecerán as posibilidades desta ferramenta.
O curso, que se desenvolverá en seis sesións de dúas horas de duración os días 16, 23 e 30 de abril e 5, 6 e 7 de maio, estará impartido por Alberto Valverde que explica que, aínda que non é necesario ter coñecementos previos “aqueles que teñan coñecementos de programación irán un paso por diante”.

Ferramenta accesible

O programa do seminario contempla unha introdución global a ARDUINO, coñecementos da programación desta ferramenta e as claves para o emprego de sensores de entrada e saída analóxicos e dixitais. Ademais, os proxectos volveranse máis accesibles grazas aos módulos ASB, uns “accesorios autoensamblables, que empregan cable telefónico, para os que non fai falla saber electrónica”, sinala Valverde.
Existen vinte prazas para asistir ao curso sobre esta ferramenta que, segundo apunta Valverde, “se emprega moito en educación porque é fácil programar nela” ou mesmo na creación artística xa que os seus sensores permiten o control de luces, sonidos ou presenza.
Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como distribución é libre e pode empregarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquisición de licenzas.

Matrícula a través da Aula de Posgrao Virtual

A preinscrición xa pode realizarse a través da Aula de Posgrao Virtual. Unha vez confirmada a inscrición, e previo pago da taxa de 10 euros, poderase realizar a matrícula formal a partir do 1 de abril. O resgardo do pagamento poderá enviarse vía email a campuspontevedra@uvigo.es, fax ou persoalmente na Casa das Campás.