DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores asinouse o convenio para a posta en marcha deste órgano

Créase na Facultade de Dereito o Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública

Estará financiado pola Fundación Alfonso Martín Escudero e dirixido por Roberto Bustillo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/03/2017

“Crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público”. Con este obxectivo presentouse este mércores no campus de Ourense o novo Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública. Xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro, o laboratorio nace grazas á alianza da Universidade de Vigo coa Fundación Alfonso Martín Escudero, que financiará o funcionamento deste instrumento. O profesor Roberto Bustillo será o seu director.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e José Ramón Parada, presidente da Fundación Alfonso Martín Escudero, foron os encargados de asinar o convenio que pon en marcha este observatorio. Agradecendo á fundación a confianza depositada, Mato recalcou como “é un orgullo poder trasladar o talento dos nosos científicos e científicas, neste caso do eido das ciencias xurídicas, á sociedade civil”. Medidas como este observatorio, recalcou o reitor, constitúen “unha maneira de transferir coñecemento de xeito efectivo”. Amosando o seu desexo de que este órgano “teña o impacto desexado”, Mato fixo fincapé na importancia da investigación neste eido, tendo en conta que a corrupción hoxe en día “é unha preocupación de todos”. Pola súa banda, José Ramón Parada, profesor honorario da Facultade de Dereito e de orixe ourensá, explicou os motivos que levaron á fundación que preside, unha institución sen ánimo de lucro benéfico-docente, a financiar este observatorio. Deste xeito, indicou, a iniciativa enmárcase dentro da súa misión de "desenvolver actividades en beneficio das institucións" españolas e tendo en conta que “se algo hoxe en día preocupa institucionalmente aos españois é a corrupción”. A posta en marcha en Ourense, apuntou, fíxose tendo en conta factores como o perfil “progresista” e “moderno” da Universidade de Vigo e o feito de atopar en Roberto Bustillo, “un ilustre administrativista con experiencia en xestión universitaria”, un candidato axeitado para dirixilo.

Agradecendo tamén a confianza depositada, Roberto Bustillo destacou como o observatorio será “xerador de investigación e transferencia”, a través dos estudos e publicacións que se realizará no seu marco, e “dinamizador da vida cultural e xurídica de Ourense”, a través das actividades que se organicen, como congresos. Durante a súa intervención, o docente fixo fincapé en como, aínda que a súa sede está en Ourense, o ámbito de estudo do observatorio é estatal e internacional, non limitado ao local, e como contará cun consello asesor formado por prestixiosos xuristas.

Un amplo abano de liñas de actuación

Segundo recolle o convenio, o laboratorio afondará no coñecemento de temas como a responsabilidade xurídica e ética de cargos e empregados públicos; delitos contra a administración pública; prevaricación xudicial; fiscalía anticorrupción e policías xudiciais especializadas e a prevención da corrupción, que abrangue cuestións como o réxime de incompatibilidades e a abstención e recusación de cargos e empregados públicos. A listaxe de eidos de actuación do observatorio tamén abarca a obxectividade e transparencia administrativa; a corrupción e eficiencia no gasto público e a corrupción pública en relación coa sociedade civil, a sustentabilidade e as relacións internacionais.

Outros temas específicos de interese deste órgano serán a loita contra a corrupción e o principio de división de poderes; a situación procesual e extraprocesal dos acusados por delitos vinculados á corrupción pública; a función de enxuizamiento contable do Tribunal de Contas; os mecanismos e institucións para garantir o equilibrio e o control dos poderes públicos, con especial referencia á xurisdición contencioso-administrativa; e os ámbitos de actuación pública especialmente sensibles ao fenómeno da corrupción, como poden ser urbanismo, contratación, procedementos de selección de empregados públicos e subvencións.

Para o desenvolvemento destes fins, o observatorio poderá desenvolver no marco da súa programación anual actividades de creación de coñecemento (encargo ou desenvolvemento de traballos de I+D+i); de promoción do coñecemento (apoio á edición de publicacións e organización de premios ou certames) e de difusión do coñecemento (conferencias, xornadas, cursos, foros e seminarios ou encontros académicos ou profesionais). As primeiras accións previstas trala sinatura do convenio, adiantou Roberto Bustillo, son a celebración antes do verán de dúas actividades, unha relacionada coa fiscalía anticorrupción e outra sobre a xurisdición penal e a contencioso-administrativa en relación coa corrupción pública. A Fundación Alfonso Martín Escudero financiará as actividades e o funcionamento do observatorio con 25.000 euros anuais. O convenio asinado este mércores terá unha duración de catro anos, podendo as partes antes do final do prazo previsto acordar a súa prórroga.