DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa 'Mostra de #talentofcom 2008-2023', que presenta os traballos de 71 estudantes e titulados

A creatividade do alumnado faise cun lugar permanente nas paredes da Facultade de Comunicación

A exposición insírese no plan de renovación dos espazos do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/04/2023

“Pór en valor a creatividade e o talento que sae das nosas aulas” constitúe, como salientou a decana, Emma Torres, o obxectivo central da exposición Mostra de #talentofcom 2008-2023, que presenta nas paredes da planta baixa do centro unha escolma de 71 traballos, desde fotografías ou deseños publicitarios a carteis de curtametraxes realizadas polo alumnado ao longo dos últimos 15 anos. Coincidindo coa conmemoración da súa patroa, Santa Catarina de Siena, a facultade celebrou este xoves a inauguración desta exposición permanente, que se insire no plan de renovación dos espazos da facultade e que foi comisariada pola profesora do centro e directora da Área de Imaxe da UVigo, Julinda Molares, e polo docente e fotógrafo Jorge Lens. 

Este acto inaugural contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa; así como das vicerreitoras e vicerreitores do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago; e Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez. Tras pór en valor o “espírito” de actividades como esta mostra, que fan confluír “educación e modernidade”, o reitor lembrou na súa intervención que “neste momento temos unha prioridade importante no campus”, que é acometer o proceso de acreditación do proxecto de especialización Campus Crea. Nese obxectivo, sinalou, iniciativas como esta mostra “van formar parte da nosa escolma para a presentación aos avaliadores”, posto que “esta facultade é unha parte moi importante do Campus Crea e as súas actividades encaixan perfectamente no que no seu día se decidiu que ía ser o campus”. Nesa mesma liña, Lantarón felicitou ao centro por “ser un dos expoñentes” do proxecto de especialización, á vez que agradeceu a súa implicación na Semana da Creatividade e da Innovación. 

Unha mostra que contribúe á crear a marca da facultade

A través deste iniciativas como esta exposición, “estamos construíndo unha marca dentro da Universidade, a da Facultade de Comunicación”, salientou a decana, que lembrou que a mostra permite afondar nos múltiples ámbitos de traballo do alumnado. De feito, na escolma coordinada por Lens e Molares hai tanto creacións de estudantes e titulados e tituladas nos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, como proxectos desenvolvidos nos mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. Nese senso, preséntase tanto unha trintena de fotografías, de diversas temáticas, como 23 traballos de deseño gráfico, que abranguen desde carteis ou anuncios publicitarios, a deseños de identidades corporativas ou proxectos de visualización de datos. A exposición detense tamén nos proxectos audiovisuais do estudantado, representados a través dos carteis de 17 curtametraxes que naceron como traballos académicos e que en varios dos casos remataron sumando premios e recoñecementos en diferentes festivais.

A mostra percorre á súa vez os últimos tres lustros dunha facultade “que ten case 30 anos de historia”, como lembrou Torres. Nese senso, da escolma realizada forman parte tanto creacións de egresadas como Cintia Ramirez, Inma Vilanova e Águeda Reboreda, que se formaron no centro entre 2007 e 2011, como fotografías de estudantes como Hugo Carnero e Graciela García, que iniciaron o pasado curso a súa etapa na facultade. 

A exposición preséntase, por outra banda, cun cartel que recolle, con ironía, un intento de encomendar á intelixencia artificial o texto de presentación da iniciativa, reunindo os dous textos propostos e aos se incoroporan diferentes correccións. Con este “xogo”, sinalou a decana, a facultade buscaba pór de relevo que se trata dun centro “no que apostamos polas novas tendencias e tecnoloxías”, pero tamén que “sen o cerebro e a creatividade dos profesionais da comunicación, a creación de contidos non ten sentido”. 

Renovación dos espazos

A estrea desta exposición serviu tamén para presentar o plan de reforma dos espazos da facultade, no que se insiren outra serie de actuacións, como a instalación dunha zona de estudo na planta baixa, á que se sumará proximamente outra de descanso. Como “unha intervención modesta, pero que pretende que a facultade se vexa dinámica e actual” presentou a decana esta intervención, outro dos motivos dun acto que servía tamén para conmemorar a patroa do centro. De feito, lembrou, a facultade pechaba nesta xornada, cun coloquio coas egresadas Lucía Estévez e Sara Varela, a programación de Culturkata 2023, un evento que naceu coa idea de “dar outra imaxe á festividade”, a través da organización de actividades culturais e de iniciativas que achegan ao centro a profesionais destacados e a antigos alumnos e alumnas. 

Como lembraron os seus responsables, esta Mostra de #talentofcom 2008-2023 busca tamén “darlle un pulo” ao proxecto A Canteira, unha web impulsada polo centro co obxectivo de dar visibilidade aos traballos desenvolvidos polo alumnado e convertese nun espazo no que o sector profesional poida atopar profesionais de diferentes perfís. O proxecto, que arrancou en 2015, reúne a día de hoxe 200 traballos realizados por máis de 160 alumnos e alumnas de diferentes promocións, entre os que se poden atopar tanto curtametraxes, gráficas publicitarias, traballos fotográficos, proxectos multimedia ou bandas sonoras.