DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de Extensión Universitaria aborda o deseño e a creatividade dende o eido profesional e pers

A creatividade conxúgase cunha pequena dose de razón e de emoción

A matrícula permanecerá aberta ata o 7 de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 05/07/2011

Semella que a creatividade soamente está presente cando se realiza un exercicio intelectual, pero o certo é que as emocións e os sentimentos persoais tamén quedan integrados nos resultados da actividade desenvolta. Esta premisa é a que defende o curso de Extensión Universitaria Deseño, creatividade e capacidades profesionais e persoais, con matrícula aberta ata o 7 de xullo. “Trátase de presentar a importancia da creatividade en todo o proceso que implique deseño, tanto nos estudos, na carreira, como no devir da propia vida, na creación do propio ego ou da mesma personalidade”, explica o profesor Paulino Alegre, coordinador do curso.

O seu principal obxectivo é dar a entender como no traballo ou actividade profesional, ademais de estar contextualizados nunha contorna laboral e cuns condicionantes determinados, “interveñen todos os aspectos da personalidade, non só a racionalidade, senón tamén as emocións, os desexos, o creativo, o físico…”, explica Alegre. Ademais, o obradoiro pretende crear ano tras ano un foro de debate e de intercambio de impresións entre distintos sectores profesionais, “contrastando o que se di dende o punto de vista dos enxeñeiros, dos artistas, dos deseñadores…”.

Profesionais de diferentes ámbitos

Todo o mundo fala dos conceptos de creatividade e deseño, polo que esta actividade formativa busca tamén analizar que significan en diferentes ámbitos. Para isto contará coa presenza de profesionais diversos: enxeñeiros, deseñadores gráficos, arquitectos, psicoterapeutas ou artistas, que achegarán e mostrarán como a creatividade “é omnipresente en calquera saber”. Para iso o obradoiro contará con profesionais como Roberto Matarranz, que falará dos deseños do Guggenheim; con Anna Santos e Nöel Palazo, creadoras do festival Punto y Raya, que afondarán na creación audiovisual e na animación abstracta; co actor Mariano Alameda e co psicólogo Luis Pelayo, Presidente da Sociedade Española de Terapia Bionerxética, que dirixirá unha sesión orientada a coñecerse interiormente, incluíndo a realización de exercicios físicos “para coñecer mecanismos que nos permitan influír co corpo na mente e nas emocións”.

Prazas libres e matrícula

Esta actividade terá lugar na aula 4 da Escola de Enxeñaría Forestal do 15 ao 22 de xullo e cursalo supón dous créditos de libre elección ou un crédito ECTS para o alumnado da Universidade de Vigo. Aínda quedan prazas libres e para formalizar a matrícula, cun custe de 80 euros, hai que entregar a documentación completa (ficha de inscrición e resgardo de pagamento de taxas) no rexistro do campus. Aplícase un desconto do 25% para os membros da comunidade universitaria e do 50% para o alumnado bolseiro da Universidade.