DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CSD e CEDU abren a participación ao alumnado universitario

A creatividade e o deporte mesturaranse no concurso de carteis dos Campionatos do Mundo Universitarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 05/02/2010

Creatividade e deporte son os eixos centrais da convocatoria do Consello Superior de Deportes (CSD) e o Comité Español de Deporte Universitario (CEDU), para o concurso de carteis con motivo da celebración en España dos campionatos do mundo universitarios nas disciplinas de taekwondo, golf e triatlón.
A Universidade de Vigo será unha das tres institucións que acollerá entre o 29 de xuño e o 4 de xullo a celebración do Campionato do Mundo de Taekwondo 2010, un evento ao que se espera que asistan entre 400 e 500 deportistas. Pola súa banda, a Universidade de Valencia será a sede do Campionato do Mundo de Triatlón, mentres que na institución malagueña se disputará o Campionato do Mundo de Golf.
O CSD e o CEDU brindan aos participantes neste concurso a oportunidade de plasmar a súa particular expresión artística das diferentes disciplinas dos campionatos mundiais, sendo válido calquera estilo, escollido libremente polo artista.

Condicións de participación e premios

Calquera estudante matriculado nunha universidade que forme parte do CEDU poderá participar neste concurso, para o que deben realizar un cartel en formato A4 que resalte o espírito deportivo no ámbito universitario, centrado nas tres disciplinas nas que se disputarán os campionatos mundiais (triatlón, golf e taekwondo) e incluíndo os logos do CEDU e o CSD. Os carteis deben presentarse cunha resolución mínima de 300 pdi e en formato TIF. Os participantes poderán enviar as súas propostas ata o día 15 de febreiro, data límite de entrega, axuntando a folla de inscrición debidamente cumprimentada e selada pola universidade de orixe. Unha vez recibidos os traballos, a Comisión Permanente do CEDU será a encargada de avaliar entre o 16 e o 28 de febreiro as obras presentadas polos estudantes, seleccionando as tres mellores. Os gañadores serán convidados, xunto a un acompañante, a asistir a un dos tres campionatos do mundo universitarios que se celebrarán en Valencia, Málaga e Vigo, no que o CEDU farase cargo dos gastos de desprazamento e aloxamento. Ademais, como premio á súa creatividade, o cartel gañador será a imaxe oficial do CEDU, conmemorativa dos tres campionatos do mundo. As bases do concurso e a folla de inscrición están dispoñibles na páxina web do Servizo de Deportes.

Actividade para os equipos de xadrez e as categorías inferiores do rugby

O Universidade de Vigo de xadrez recibe este sábado no Servizo de Deportes do campus de Vigo ao Algalia A. O equipo vigués que lidera a División de Honra con vinte puntos enfróntase a partir das 17.00 horas, segundo apunta Pablo García, capitán do equipo, “a un dos conxuntos máis completos, pero que non pasa por un dos seus mellores momentos”. Pola súa banda o equipo de Primeira División que comparte liderado da clasificación co Liceo Academia Postal, recibe nas instalacións de Xadrez Galego en Vigo ás 17.00 horas ao Infortui A, pechacancelas da categoría.
A División de Honra B de rugby descansa ata o vindeiro 21 de febreiro cando se disputará a 11ª xornada na que o Universidade Ednon se enfrontará ao FC Barcelona. Os vigueses que son quintos na clasificación recibirán ao equipo catalán que ocupa o segundo posto da clasificación. Si haberá actividade para as categorías inferiores do rugby universitario: o Universidade Vigo RC recibirá ao CR Ferrol; o equipo feminino visitará o campo do Crat Universidade de A Coruña e o equipo xuvenil desprazarase a Lalín para medirse ao CR Lalín Coreti.