DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creatividade e o deseño, un asunto intelectual e emocional

Un curso de Extensión Universitaria aborda estes aspectos en diferentes ámbitos profesionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 07/07/2010

A creatividade e o deseño son un asunto só intelectual? Amosar que isto non é así e que todo o devir vital, mesmo o máis emocional, queda integrado no noso traballo é o obxectivo do curso de Extensión Universitaria Deseño, creatividade e capacidades profesionais e persoais. Pretende achegar a importancia da creatividade en todo proceso que implique deseño e a posibilidade de desenvolvela ou non en función das capacidades coas que un foi dotado, tanto nos estudos como na experiencia ou na vida persoal, para comprender así como na actividade profesional interveñen todos os factores da personalidade, non só os relacionados coa racionalidade mental, senón tamén as emocións.

“Unha das causas dos problemas cotiás da xente, tamén a nivel profesional, é a separación da natureza humana en partes co esquecemento dunhas respecto das outras”, explica o coordinador do curso, o profesor Paulino Alegre do Departamento de Deseño en Enxeñaría. “De tal forma é así que cando estudamos pensamos que é un asunto intelectual e non emocional, instintivo ou de anhelos e que o corpo e a súa seguridade non interveñen”, engade.

Profesionais de diferentes ámbitos

Todo o mundo fala dos conceptos de creatividade e deseño, polo que esta actividade formativa busca tamén analizar que significan en diferentes ámbitos. Para isto contará coa presenza de profesionais diversos: enxeñeiros, licenciados en Belas Artes, historiadores, publicistas, xornalistas, psicoterapeutas, artistas ou deseñadores gráficos. As súas visións daralles aos asistentes, segundo o profesor Alegre, capacidades para abordar diferentes tipos de situacións profesionais e persoais. Considera que no marco universitario “é moi oportuno xuntar a profesionais que moitas veces non teñen ocasión de intercambiar experiencias”. Ao longo do curso veranse as implicacións do traballo duns no dos outros e que uns necesitan dos outros para levar a cabo un proxecto. “Os diferentes profesionais achegarán diferentes puntos de vista que lle servirán ao alumnado para ver eses aspectos en si mesmos, para entender que os outros os teñen desenvolvidos ou son especialistas neles e cando os necesiten saberán a onde acudir”, comenta.

Corporeización dos procesos creativos

Así mesmo, poñerase de manifesto como tanto un enxeñeiro como un arquitecto, un escultor ou un deseñador non poderían realizar unha obra de especial beleza se non aplicasen nela sentimentos, emocións e paixóns. “Os estudantes terán un pouco máis de conciencia de que os seus corpos físico, libidinal, emocional e intelectual, coherentemente dispostos e non esquecidos, son as mellores ferramentas para facer, crear, deseñar, ser un profesional”, precisa o docente. Neste senso, Paulino Alegre subliña a importancia da corporeización dos procesos creativos. “Sentir o corpo vivo axuda decisivamente ás experiencias creativas”, sinala, polo que destaca a presenza no curso de profesionais da bioenerxética, que achegarán técnicas experimentais para manter un corpo san e activo.

Prazas libres e matrícula

Esta actividade terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do 16 ao 23 de xullo e é convalidable por dous créditos de libre elección ou un crédito ECTS. Aínda quedan prazas libres e para formalizar a matrícula, cun custe de 88 euros, hai que entregar a documentación completa (ficha de inscrición e resgardo de pagamento de taxas) no rexistro da EUET Forestal. Aplícase un desconto do 25% para os membros da comunidade universitaria e do 50% para o alumnado bolseiro da Universidade.