DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria estará aberta ata o 1 de marzo de 2011

Creatividade Galega busca talento no campus

O seu anuario supón un “bo escaparate” para que o alumnado poida amosar os seus deseños gráficos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 10/02/2011

Como en anos anteriores, a asociación Creatividade Galega, colectivo que reúne as principais empresas e profesionais da publicidade na comunidade, abriu a convocatoria para a participación no seu primeiro anuario como asociación, constituída como tal o pasado mes de novembro. Aínda que a oferta está destinada nun primeiro termo para que as axencias galegas e estudos de deseño amosen as súas campañas e propostas desenvolvidas durante 2010, idearon unha sección de promesas pensada para o estudantado do campus e tamén para os recentemente titulados, “ofrecéndolles un bo escaparate no que amosar o seu talento gráfico”, explica Chechu Pérez, presidente da asociación.

Trátase dunha boa oportunidade para o alumnado ao que lle interese o deseño gráfico porque ofrece a posibilidade de introducirse de cheo no circuíto de axencias de publicidade e anunciantes. Como subliña Alberto Dafonte, un dos fundadores de Creatividade Galega e docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “o anuario supón unha boa plataforma para a promoción dos novos valores que se están formando nas facultades e escolas de deseño e que están chamados, o día de mañá, a ser os principais actores da comunicación publicitaria en Galicia”.

Visibilidade para a canteira

En cada edición, un xurado formado por profesionais do sector, escolle entre oito e nove deseños para a sección promesas o que se traduce “para os estudantes seleccionados nunha liña máis no currículo, pero tamén na oportunidade de que os seus traballos sexan vistos por todas as axencias participantes que, xunto cos anunciantes, reciben un exemplar cada ano", aclara Dafonte. Pola súa banda, Pérez, presidente da asociación e tamén profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quere animar a todo o alumnado a participar nesta convocatoria, “a que preparen as súas carpetas de presentación con todos os traballos da carreira e todos os deseños publicitarios que teñan para poder amosar a súa gran capacidade”.

Esta convocatoria para novos talentos ten por costume estar moi concorrida polo alumnado de Belas Artes, de Ciencias Sociais e da Comunicación e en xeral de escolas gráficas. As propostas proveñen dos últimos cursos das titulacións ou de profesionais recentemente titulados “que xa teñen o chip do mercado laboral metido na cabeza”, comenta Chechu Pérez. O prazo para a recepción de orixinais remata o vindeiro 1 de marzo e admítese calquera proposta de deseño gráfico, facilitando a dirección postal, teléfono, enderezo web, correo electrónico e persoa de contacto, información que se enviará vía mail a participa@creatividadegalega.es.