Vén de presentarse a cuarta edición deste anuario, que recolle 1.000 proxectos diferentes
"Creatividade galega" consolídase como un referente anual do sector do deseño en Galicia
Os autores anuncian a creación da primeira asociación galega de creativos publicitarios
Galicia ten talento e capacidade creativa. Así o avala a cuarta edición de Creatividade galega que vén de presentarse hoxe, unha recompilación anual dos traballos máis orixinais e innovadores dos profesionais galegos do deseño, a publicidade e a comunicación. Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte son os autores deste anuario, os tres profesores da Licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas. Lanzaron este proxecto en 2006 como unha aposta pola promoción do bo estado de forma das empresas galegas do sector. Esta nova edición, editada co apoio da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, consolida a publicación como un referente, que conta coa participación de máis do 80% das empresas do sector en Galicia. “Teño que celebrar esta cuarta edición, coa que xa se asenta o anuario, a pesar das dificultades que tivemos este ano para sacalo adiante”, sinalou Chechu Pérez. O profesor quixo agradecer tanto a colaboración das axencias, “porque son as que sempre preguntan cando vai saír e as que tiran desta iniciativa”, como das dúas institucións que fan posible a edición, “por amosar a súa aposta clara por continuar facéndoo”.
Asistiron tamén á presentación Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de medios da Xunta de Galicia, Ernestro Pedrosa, vicepresidente do Consello Social para o campus de Pontevedra, e un amplo aforo de representantes das asociacións profesionais de publicistas e deseñadores de Galicia. Sorprendido pola cantidade de achegas do anuario, Cabaleiro amosou a súa satisfacción con este traballo de investigación, “pois a comunicación é un dos sectores máis expostos á crise económica”, comentou. O secretario xeral subliñou a importancia do deseño, “non só pola súa vertente económica, senón polo plus de innovación creativa que achega”. Pola súa parte, Pedrosa definiu a publicación como “un proxecto pioneiro, que realiza unha importante labor de promoción nestes momentos difíciles”.