DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa liderada por profesores da Universidade

Creatividade Galega deixa claro que o mellor está na casa

Nace a primeira asociación profesional de publicistas de Galicia integrada por máis de 50 empresas d

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 11/11/2010
Galicia é un fervedoiro de publicistas con moitas ideas, todas cun selo particular: iniciativa, imaxinación e orixinalidade. Para difundir ese traballo publicitario de calidade feito na comunidade bota a andar Creatividade Galega, a asociación profesional de publicistas de Galicia, unha idea pioneira que reúne xa a máis de medio cento de empresas e profesionais do sector. Ata a súa presentación pecou de pouco convencional: baixo o lema ‘Publicidade do mercado’ e co carriño da compra na man deron a coñecer os primeiros obxectivos desta nova entidade na praza de abastos de Santiago ante arredor de 300 profesionais da publicidade, dos medios e das empresas galegas. A idea naceu o ano pasado cando profesionais do sector puxéronse en contacto “de xeito espontáneo” cos argalleiros do libro que leva o mesmo nome da asociación e “nos enredaron nesta nova andaina”, confesa Chechu Pérez, presidente e un dos impulsores da iniciativa xunto con Alberto Dafonte e Eva Quintas.

As metas a superar neste primeiro ano de vida son claras: montar unha exposición itinerante cos mellores anuncios galegos dos últimos anos, ofertar ciclos de conferencias para o público en xeral ademais de para profesionais e anunciantes e crear un manual de boas prácticas na profesión. “Será unha publicación na que se senten unhas nocións profesionais mínimas: actividades, formas empresariais, contacto cos clientes, compeñerismo, formas de remuneración e cantidades mínimas, fiscalidade, dereitos e propiedade intelectual… Unha morea de cuestións sobre as que non existe consenso e que fan que sexamos un sector disperso”, puntualiza Pérez.

Cinco anos de andaina

Co que tamén continuarán será co anuario Creatividade Galega, que vai pola súa quinta edición e que naceu coa intención de dar a coñecer o bo traballo de deseñadores e publicistas galegos e a capacidade competitiva das empresas. Un libro que manterá as nove paradas establecidas desde 2007 no paseo pola producción publicitaria galega: imaxen corporativa, embalaxe, gráfica, exterior, deseño editorial, deseño online, audiovisual, soportes alternativos e promesas.

A mostra que xa puxeron en marcha recollerá os 75 mellores anuncios escollidos entre estudantes e profesionais de entre as máis de 3000 imaxes publicadas no anuario. A primeira parada, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. A partir de aí percorrerá as sete principais cidades galegas en 2011 e xa en 2012 as vilas galegas de menos de 50.000 habitantes.

Un sector que move 200 millóns de euros ao ano

O posto de traballo de máis de 3000 persoas depende directamente do sector publicitario en Galicia, que factura máis de 200 millóns de euros cada ano. Neste contexto, a asociación pretende establecer as sinerxias precisas para captar recursos que revirtan na xeración de riqueza para o sector e lle confira a visibilidade necesaria.

Os seus obxectivos principais pasan por aumentar a calidade do traballo creativo en Galicia, difundir o valor das campañas galegas, velar pola profesionalización so sector e crear un foro permanente sobre o traballo creativo en comunicación no que non se lle quite ollo de enriba á problemática propia da publicidade de ámbito rexional, na que hai “dispersión e atomización, con moitas empresas para o investimento, falta de recoñecemento e pouca unidade”. Todo sen perder de vista aos anunciantes, cos que se intentará estreitar contactos e promover unha sensibilidade especial cara a creatividade publicitaria.
Cunha vocación eminentemente integradora, Creatividade Galega pretende colaborar cos organismos sectoriais existentes en Galicia sen esquecerse da importancia de saír das fronteiras da comunidade: intentarán sumir a asociación nun entorno nacional con acordos co Club de Creativos, a agrupación de creativos publicitarios de referencia en España.