DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración da exposición 'Zocas Novas: creatividad de pies a cabeza' este venres na capital españo

Creatividade Galega mete a zoca en Madrid

A mostra quere dar a coñecer a valía dos publicitarios galegos polo territorio nacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 28/10/2011

Proxectar o potencial do traballo gráfico 'made in Galicia' nas principais cidades españolas. Este é o obxectivo co que nace a exposición itinerante Zocas Novas: Creatividad de pies a cabeza, promovida pola asociación de publicistas Creatividade Galega. Trátase dunha mostra sobre deseño publicitario feito en Galicia que percorrerá as cidades de Madrid e Barcelona e que ten como principal atractivo a reinterpretación da zoca tradicional polos distintos profesionais membros da asociación. Este venres inaugúrase na galería Madrileña Un chicle en el Tacón onde permanecerá ata o 31 de outubro, cando tomará rumbo a Barcelona.

“Nunca antes se fixera unha exposición desta natureza”, explica Chechu Pérez, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e presidente da asociación, co fin de ter repercusión nas principais cidades da publicidade española "desembarcando ao grande e amosando a nosa valía”, engade. A mostra reúne algunhas das mellores campañas realizadas polas empresas galegas onde tamén se exhiben os 50 pares de zocas tradicionais redeseñadas por creativos e creativas "da casa". Con elas, quérese transmitir as posibilidades que xera a mestura do tradicional coa publicidade, “unha actividade de vangarda da nosa economía”, puntualiza Pérez.

50 visións desenfadadas

A proposta inclúe un grande abano de reinterpretacións sobre este típico calzado de madeira, “dende pezas que se converten en axentes secretos, ata patíns, animais insólitos, instrumentos musicais, cómodas alpargatas ou equipos informáticos de vangarda”, describe Pérez. As 50 “visións desenfadadas” están disponibles online a través da web www.zocasnovas.com e unha vez rematada a exposición, todos os pares serán subastados para recadar fondos “e poder entregarlle no Nadal xoguetes e regalos aos nenos e nenas máis desfavorecidos”. A idea das zocas “tuneadas” parte dun deseño orixinal de Alberto Geada, herdeiro dos artesáns da provincia de Lugo e un dos poucos talladores de este calzado que continúa en activo en Galicia.

Itinerario

A exposición Zocas Novas: Creatividad de pies a cabeza permanecerá en Madrid ata o 31 de outubro. Do 2 ao 6 de novembro poderase visitar no Centro Galego de Barcelona e o 17 de novembro a mostra aterrará en Galicia, no Colexio de Arquitectos de Vigo, sede que abandonará o día 24 para trasladarse á Casa das Campás ata o 30 dese mes. Do 12 ao 15 de decembro ficará no Auditorio do Pazo de Congresos de Ourense para rematar o traxecto o 4 de xaneiro de 2012 en A Coruña.