DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte son os promotores da iniciativa

"Creatividade Galega", tres anos reivindicando o potencial da publicidade feita en Galicia

Representantes das asociacións de publicistas e deseñadores participaron na selección

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 20/01/2009

Orixinalidade, creatividade, innovación e con sinatura galega. Son as características das mil mostras de traballos publicitarios recollidas no anuario Creatividade Galega 2008 que impulsan tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación: Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte. O catálogo, que foi presentado este martes en Santiago de Compostela, recolle as mellores producións de 2008 e na súa terceira edición conta coa colaboración da Asociación Provincial de Publicidade de Pontevedra e a Asociación Galega de Deseñadores ademais de Galicia Calidade e a Consellería de Innovación e Industria.
Dar a coñecer o bo facer dos deseñadores e publicistas galegos e servir de testemuña das capacidades competitivas das empresas de deseño e comunicación de Galicia son os obxectivos que guían, desde 2006, esta publicación. Segundo explica Chechu Pérez, o seu obxectivo é “reivindicar o potencial da publicidade galega”, un paso máis no camiño ata gañar “a confianza dos anunciantes no sector publicitario galego”. No anuario están representadas 80 empresas que desenvolven o seu traballo no mundo do deseño, a publicidade ou os gabinetes de comunicación.
Imaxe corporativa, embalaxe, gráfica, exterior, deseño editorial, deseño online, audiovisual, soportes alternativos e promesas son as nove paradas deste paseo pola produción publicitaria galega, retomando, deste xeito, a organización dos contidos introducida na recompilación de 2007. No apartado de promesas, Creatividade Galega recolle os traballos de estudantes de deseño e publicidade dos centros galegos, entre os que se inclúe a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se imparte a titulación de Publicidade e Relacións Públicas. De este xeito, a proposta dos tres profesores universitarios recolle, non só o mellor dos traballos xa publicados senón as primeiras producións dos futuros protagonistas galegos deste sector.

Unha selección “moi obxectiva”

Nesta terceira edición de Creatividade Galega, os profesores da Universidade contaron coa colaboración da Asociación Provincial de Publicidade de Pontevedra, única asociación de publicistas que existe actualmente en Galicia, e da Asociación Galega de Deseñadores, organismo aberto a deseñadores gráficos e industriais que ten como fin principal a creación dun marco de debate, reflexión e promoción en todos os ámbitos profesionais e culturais do deseño. Esta modificicación “reforza o carácter participativo” da publicación e outórgalle maior respaldo á “moi obxectiva” selección realizada. Chechu Pérez explica que a puntuación que o comité de edición lle concedeu a cada traballo dos dous mil recibidos, dos que non se coñecía a empresa responsable, decidiu o filtrado e o grao de presenza na maquetación do anuario.
O equipo formado polos tres investigadores formouse en 2005 e atopou nesta iniciativa a posibilidade de “vincular a produción científica co desenvolvemento do traballo gráfico das axencias e deseñadores galegos", comentou Chechu Pérez. Debido ao valor divulgativo e documental da investigación, o anuario conta coa colaboración de Galicia Calidade e a Consellería de Innovación e Industria. Nas próximas semanas a obra estará á venda nas librarías galegas.