DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Xosé Teiga consegue un Graphis de prata cun cartel navideño

A creatividade pontevedresa, premiada en Nova York

Xunto a Brais Méndez, Alberto Aler e David de la Iglesia acadou outro galardón neste certame

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 17/09/2013

Na súa etapa como estudante universitario, o creativo pontevedrés Xosé Teiga botaba man dunha publicación chamada Graphis na que se recollían ano a ano as mellores campañas de comunicación publicitaria a nivel mundial. Pouco podía imaxinar Teiga que uns cantos anos despois, esta prestixiosa publicación de libros e revistas internacionais ía premiar os seus traballos na categoría de Libro de Deseño e incluílos nas súas páxinas. Este profesor visitante do Máster en Dirección de Arte Publicitaria da Universidade de Vigo gañou, hai tan só un par de días, dous Graphis de prata en Nova York grazas un cartel publicitario que realizou para a libraría Formatos da Coruña e ao catálogo de Creatividade Galega 2012 no que traballou conxuntamente con outros dous profesores convidados deste mestrado, Brais Méndez e Alberto Aler, e xunto ao tamén creativo David de la Iglesia. Con todo, esta non é a primeira vez que a recoñecida publicación premia os seus traballos. Teiga conseguía o ano pasado outros tres Graphis de ouro na mesma categoría

O primeiro galardón que acadou este ano premia un cartel no que o Nadal e os libros son protagonistas absolutos. A libraría coruñesa Formatos quixo felicitarlle as festas aos seus clientes dun xeito moi especial. A creatividade e a necesidade de diferenciarse doutros carteis publicitarios foron elementos clave para acadar o resultado final. “As estrelas e as árbores tomaron forma grazas aos propios libros, unha cámara fotográfica fixo o resto”, explica Teiga.

No que atinxe ao segundo dos traballos galardoados, cómpre sinalar que o equipo creativo integrado por Brais Méndez, Alberto Aler, David de la Iglesia e o propio Xosé Teiga encargouse no ano 2012 do deseño da portada e do formato do catálogo Creatividade Galega, “un libro onde se recollen os 70 mellores traballos de comunicación publicitaria no país”, elixidos por un xurado entre máis de 1000, comenta. Estes novos creadores decidíronse por un deseño baseado nas follas arrincadas do propio anuario, como referencia aos creativos ou publicistas non seleccionados. Nin sequera a propia portada se salvou desta peculiar criba. Este último traballo non só acadou un Graphis de prata senón que tamén foi incluído hai tan só un ano na short list do Cannes Lions Designe no que se seleccionan os tres mellores libros entre un total de 32.000 publicacións. O anuario de Creatividade Galega 2012 quedou no posto número catro desa lista. A maiores, esta obra tamén acadou o Premio Nacional Ancaria 2012 na categoría de libro de deseño.

Un profesional moi interesado na docencia

Xosé Teiga compaxina a súa profesión como director creativo coa de docente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O director do Máster de Dirección en Arte Publicitaria, Jesús Pérez Seoane, contou con el dende a primeira edición deste mestrado. Teiga imparte a materia Medios non convencionais e está “totalmente encantado de compartir co alumnado, principalmente de Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas, os seus coñecementos”. No vindeiro mes de febreiro, este director creativo proporalle ao seu alumnado un novo reto: “xerar unha idea simulando o ritmo de traballo real dunha axencia de publicidade”. As campañas virais a través de plataformas como YouTube, o márketing directo ou o ambient (máketing de guerrilla) son algún dos espazos, fóra dos medios de comunicación máis convencionais, nos que traballarán durante un par de xornadas. “Ao comezo de cada unha das miñas clases sempre comparto con eles un problema que deben solucionar: teñen que conseguir entrar nunha casa pero non pola porta... deben ser creativos... hai outras moitas opcións: as ventás, as cheminea... e quen sabe... igual algunha máis”, conclúe.