DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vestidos coma Obi-Wan Kenobie e Luke Skywalker, Rafa Fortis e Javier Canle impartiron unha conferenc

A creatividade é a un publicista o que a forza a un cabaleiro Jedi

O primeiro filme da saga Star Wars serviu de fío condutor dun relatorio cargado de mensaxes de alent

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 04/11/2013

Converterse en cabaleiro Jedi non é doado como tampouco o é, para unha inmensa maioría dos profesionais do sector, traballar como creativo nunha axencia de publicidade. A clave do éxito ou do fracaso do alumando dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual parece estar na forza, ou o que é o mesmo, na súa creatividade. Así de contundentes se amosaron este luns os creativos Rafa Fortis, da axencia Kitchen, e Javier Canle, de Leo Burnet, nunha conferencia pouco convencional na que os dous expertos apareceron caracterizados coma dous dos personaxes principais do filme A Guerra das Galaxias: Obi-Wan Kenobie e Luke Skywalker. Varios fragmentos da primeira película desta saga foron o fío condutor dun relatorio cargado de mensaxes de alento para os estudantes e de bos consellos para saír adiante nun contexto de crise coma o actual.

Segundo explicou Rafa Fortis, o alumnado do campus debe traballar e mellorar a súa forza, enténdase creatividade, para poder converterse nun futuro non moi afastado en auténticos cabaleiros e cabaleiras Jedi, é dicir, “nuns apetitosos creativos para as axencias de publicidade”. O interese por aprender, a curiosidade por saber que hai detrás de cada cousa, a actitude, a capacidade de superación e a disciplina son as calidades indispensables para que estes futuros creativos e creativas poidan ingresar nesta prestixiosa Orde, explicou o director da axencia Kitchen ao abeiro dunha conferencia organizada pola junior empresa Freshysweet, integrada por alumnos e alumnas do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, co apoio da Vicerreitoría do campus.

Hai futuro no sector da publicidade?

Baixo o título Que a forza vos acompañe, tanto Rafa Fortis coma Javier Canle, ex alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, incidiron en varias ocasións nas verbas que Obi-Wan Kenobie lle repetía ao inexperto Luke Skywalker cando o primeiro tentaba sen éxito convertelo nun cabaleiro Jedi, “a forza, a creatividade, está en calquera sitio”. Para Fortis o talento non é unha cualidade necesaria para entrar nunha Orde coma esta onde si prima o traballo e o esforzo diario, “a creatividade é unha habilidade que se aprende, non é algo innato, para isto serve calquera persoa, que non vos enganen”, subliñou.

Nesta liña, Rafa Fortis e Javier Canle defenderon o futuro do sector da publicidade nuns tempos nos que os novos creativos deben aproveitar esta situación adversa para achegárense a este mundo, botando man da súa frescura e da total dispoñibilidade que teñen os recentemente graduados en contraposición cos creativos senior. Para iso, Fortis e Canle recomendáronlles comezar a traballar xa nas súas carpetas e estar ao tanto do que ocorre día a día nos festivais internacionais de publicidade e no propio país. Con todo, “chegar a ser un cabaleiro Jedi é unha carreira de fondo e a paciencia debe ser un dos seus dons”, explicaron ambos os dous creativos. E que a impaciencia por atopar un traballo nada máis saír da universidade é, a xuízo de Rafa Fortis, un erro. “Hai que ser realista, conseguir unhas prácticas nunha empresa do sector é relativamente doado pero hai que saber como facelo e ser conscientes do que lle podemos pedir a esa axencia”. Por isto, o creativo de Kitchen instou ao alumnado do campus a que, ao igual que Luke remata por seguir os consellos do mestre Yoda, eles escoiten aos seus maiores e aprendan dos seus acertos pero tamén dos seus erros.