DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará tamén cun observatorio multidisciplinar, orientado á educación, comunicación e xestión públi

Creatividade, saúde e natureza articularán os espazos do viveiro de empresas do Campus Crea

A licitación das obras está pendente de coñecer a dispoñibilidade dos fondos do Incyde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 23/09/2014

New Village Art, Health-Tech, eGobernance e EcoVillage. Estes son os nomes dos catro eixos arredor dos que se vertebrará o viveiro de empresas CREA S2i, que o Concello de Pontevedra, a Cámara de Comercio, o Consorcio Zona Franca e a Universidade proxectan construír na zona da Barca. Baixo estas catro denominacións, que definirán os espazos do inmoble, estrutúrase a “proxección das ideas conceptuais do Campus Crea nun edificio concreto”, como salientou o reitor, Salustiano Mato, que este martes adiantou que áreas de especialización definirán as seis plantas dun inmoble con capacidade para un máximo de 40 iniciativas empresariais. Concretamente, o viveiro dotarase dun espazo orientado á creación multimedia, outro para iniciativas vinculadas ao envellecemento e a saúde, dun observatorio multidisciplinar e dunha aula da natureza e da contorna.

Trátase de “catro tipoloxías de espazos”, dirixidos a empresas de base tecnolóxica ou para as start-ups dos titulados e tituladas, que “dan unha idea de como queremos camiñar na especialización do campus”, destacou o reitor en rolda de prensa. Acompañado polo vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, Mato mantivera previamente unha reunión no Concello co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, co obxectivo de avanzar na definición dun proxecto no que tamén participa o Consorcio Zona Franca, o da construción do Centro Responsable para Emprendedores de Innovación Social e Sostible (CREA S2i).

Espazos sen tabiques para fomentar a interrelación

Arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión, e contorna e natureza son as catro áreas sobre os que se estrutura o proxecto de especialización Campus Crea, arredor do que se decidiu estruturar a actividade do futuro inmoble, coa idea de promover "unha importante alianza estrátexica entre Universidade e empresa", como apuntou Barros. Nestes catro eixos fundaméntanse precisamente a definición de espazos que Mato presentou este martes e que afectaría ás seis plantas centrais dun edificio dunha superficie de 850 metros cadrados, que contará tamén con planta baixa, ático e soto.

Por unha banda prevese que dúas plantas vaian dedicadas ao “distrito artístico multimedia”, a New Village Art, un espazo ligado á vertente creativa das titulacións do campus. Noutro dos espazos, Health-Tech, terían cabida “aquelas empresas que teñen que ver co deporte e a saúde”, segundo salientou o reitor, que explicou tamén que “o uso dos recursos naturais para o ocio, para a educación ou para a innovación” serían o núcleo temático da aula da natureza e da contorna EcoVillage. Por último, o viveiro completarase con eGovernance, "un observatorio interdisciplinar, dirixido á xente que traballa no mundo educativo, da comunicación e da xestión pública”.

Con esta estruturación, desde a Universidade búscase potenciar aqueles “elementos transversais” que contribúan á “interrelación entre as distintas profesións”, segundo salientou o reitor. Neste senso, Mato explicou que as diferentes plantas do viveiro serán divididas a través de módulos e non de tabiques, de tal xeito que sexa posible "ir variando a división do espazo segundo o tamaño das empresas” e, ao mesmo tempo, dotalo de “zonas comúns para demostracións e probas, nas que os emprendedores poidan ensinar o seu traballo”.


Á espera de coñecer a dispoñibilidade dos fondos

Como explicou Fernández Lores, a idea deste viveiro temático parte dunha iniciativa anterior da Cámara de Comercio, que proxectaba construír un viveiro de empresas no polígono do Campiño co financiamento da Fundación Incyde (Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa). Eses fondos precisamente, xunto coa achega da Zona Franca, que roldará o 20% do proxecto, son os que está previsto empregar para a construción do edificio, o que fai preciso definir a disponibilidade desta contía. Por iso, as diferentes institucións implicadas tratarán agora de “coñecer cando hai que xustificar o uso dos fondos ao Incyde”, segundo relatou o alcalde, que apuntou a posibilidade de que esa partida só sirva para aqueles traballos que se realicen antes do remate do 2015, xa que unha parte procede de fondos europeos. De aí que Eduardo Barros incidise en que "estase intentando acelerar todos os prazos”, mais ao mesmo tempo, o presidente da Cámara tamén deixou claro que o viveiro “sairá adiante dunha forma ou outra”, polo que se non é posible executalo coa achega actual do Incyde, “farase con outros fondos, retrasando probablemente un pouco máis o proxecto”.

Unha vez definido o financiamento dunha obra na que poderían investirse entre os 1,2 e os 1,5 millóns de euros, o Concello, como titular do solar no que se levantará, sacaría a licitación o proxecto, a súa construción e equipamento, “probablemente de forma conxunta para adiantar prazos”, apuntou Lores. Rematada a obra, engadiu o alcalde, procederíase a crear un “órgano de xestión”, do que aínda habería que “definir a súa forma xurídica”, que podería ser unha fundación na que estivesen representados Concello, Universidade, Zona Franca e Cámara de Comercio, ás que logo poderían sumarse outras institucións, empresas ou entidades bancarias interesadas no proxecto.