DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de alumnado de Publicidade, a Fundación Meniños declara a Pontevedra ‘Cidade Amiga da Infanci

Creatividade solidaria

Estudantes de último curso colaboran coas ONGs da localidade deseñando campañas de comunicación soci

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 29/11/2012

O talento creativo do Grao en Publicidade e Relacións Públicas amosa a súa cara máis solidaria póndose ao servizo das organizacións sociais da cidade. Neste caso, catro estudantes de último curso decidiron brindar a súa colaboración á Fundación Meniños que loita polos dereitos dos nenos e nenas, co deseño e posta en marcha dunha campaña de comunicación na que propuxeron nomear a Pontevedra como Cidade Solidaria coa Infancia. Este xoves fíxose efectivo este recoñecemento nun acto público ao que asistiu o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, a directora xeral de Meniños, Mónica Permuy e por suposto “os verdadeiros impulsores desta proposta”, os estudantes Raúl Constela, Noa Fernández, Bruno Reboredo e Lara Vázquez.

“Trátase dunha idea xermolada na facultade para que o alumnado desenvolvera traballos prácticos nun contexto real e nós decidimos colaborar con esta fundación cunha campaña de visibilidade e de recoñecemento dun labor social que se fai nesta localidade dende hai 8 anos”, explicou Raúl Constela, que actuou como voceiro do grupo. Así, Meniños, co asesoramento do alumnado, decidiu converter a Pontevedra “na primeira Cidade Solidaria coa infancia”, un nomeamento avalado polo compromiso mostrado co benestar dos máis pequenos. “Estamos nunha cidade accesible, segura, amigable, libre de tráfico e que integra aos nenos e nenas na súa oferta cultural e festiva”, argumentou Constela, un recoñecemento co que o alcalde confesou sentirse moi orgulloso. “Este día é unha mostra do traballo en común entre o Concello, Universidade e accións solidarias co fin de por en valor e publicitar os dereitos dos nenos e nenas”, sinalou Fernández Lores.

En realidade, esta colaboración xurde da iniciativa dun profesor da titulación, Xosé Baamonde, que instou ao seu alumnado a colaborar con organizacións sociais para coñecer o seu funcionamento e detectar as súas necesidades de comunicación “procurando que os estudantes teñan a oportunidade de enfrontarse a un cliente real e responder ás súas demandas de acordo ás peticións do colectivo”, apuntou o profesor. Tanto o decano, Juan Manuel Corbacho, como Xosé Baamonde e a concelleira Carme Fouces, salientaron o nivel de preparación e a actitude de esforzo e dedicación do alumnado “evidenciando que aquí hai materia gris, hai país, hai futuro perfectamente capacitado para xestionar a comunicación de calquera empresa ou institución”.

Actividades paralelas

Ademais do nomeamento, o estudantado tamén desenvolveu actividades paralelas para “vestir” a Pontevedra da cor laranxa que caracteriza á Fundación Meniños, colocando camisetas identificativas ás principais estatuas da cidade ou cambiando provisionalmente os nomes das prazas da cidade, convertendo á coñecida Praza da Verdura na Praza da Igualdade ou a da Peregrina na da Integración, unha acción comunicativa reforzada dende as redes sociais e con material audiovisual complementario. “Xa que estamos nun concello solidario, quixemos que os elementos urbanos falasen por si sos”, destacou o voceiro do grupo. Os catro estudantes tamén organizaron ao longo da tarde xogos para os nenos e nenas na rúa, deseñando un percorrido polas estatuas “disfrazadas” para outorgarlles ao final un diploma “de embaixadores solidarios”.

Asimesmo, o martes, outro grupo de estudantes de Publicidade e Relacións Públicas, Natalia Carrera, Andrea Costa y Mar Freire tamén levaron a cabo outra acción de comunicación social coa Asociación Amizade, neste caso co obxectivo de concienciar á sociedade sobre as dificultades que teñen moitas persoas para acceder a determinados espazos e para demostralo as tres estudantes colocaron unha cadeira de rodas ante a Oficina de Consumo da Xunta de Galicia da cidade convidando a todos os presentes a sentarse nela para tentar subir os oito chanzos que separan a rúa da entrada. Na vindeira semana, a facultade presentará publicamente todos os proxectos de comunicación froito destas colaboracións con ONGs da cidade.